Acta 5ª: O Comercio de Alimentación baralla a folga como medida para desbloquear a negociación

06/11/09.

A última xuntanza da negociación do convenio do Comercio de Alimentación da Coruña, o 6 de novembro, supuxo a ruptura definitiva entre a parte social e a patronal, do mesmo xeito que aconteceu en Pontevedra semanas atrás. Agora, o persoal de ámbalas dúas provincias está convocado a asembleas o 17 e 18 de novembro, nas que posibelmente se acorde a convocatoria de folga no sector.

O 6 de novembro racharon definitivamente as negociacións do convenio coruñés. Nunha reunión convocada polos sindicatos, estes presentaron unha nova proposta que rebaixaba substancialmente as reivindicacións iniciais. A resposta da patronal foi propoñer prorrogar o convenio actual. O único movemento que fixeron os empresarios sobre a súa postura inicial foi pasar dunha posíbel rebaixa de salarios a outra posibilidade de que queden conxelados durante os anos 2010, 2011 e 2012.

A patronal, amparándose nunha crise que non afecta o sector, ofrece, no mellor dos casos, 8 euros de suba mensual (0’27 céntimos ao día) durante 4 anos e, no resto das cuestións que reivindican os sindicatos (categorías, xornada, horarios, contratación…), nada.

A partir de agora, as empresas van intentar por todos os medios que os traballadores non se mobilicen. Nalgúns centros xa comezaron coas manobras típicas nestas situacións (datos falsos, acusacións contra os sindicatos, ameazas veladas ou directas, catastrofismo…). Mais, nesta situación, quen deciden son única e exclusivamente os e as empregadas do sector. Cómpre salientar que, na provincia da Coruña, USO se desmarcou de calquera mobilización.