Asinado o convenio provincial de Limpeza hospitalaria de Ourense, que inclúe subas do 5%

19/11/09.O convenio de Limpeza hospitalaria da provincia ourensá dos anos 2009-2010 foi asinado o 20 de novembro. O texto contempla a maior suba salarial acadada este ano na provincia, 5% de media para todos os traballadores/as, e outorga aproximadamente 500 euros a cada un en concepto de atrasos.

O convenio asinouse logo de varios meses de negociación nos que a patronal deu mostras de intransixencia e tentou minguar unhas condicións de traballo, conquistadas polo persoal en anos anteriores, consistentes na equiparación co grupo E do Servizo Galego de Saúde. Tanto foi así que mesmo se chegou a convocar unha folga de todo o sector de limpeza hospitalaria, desconvocada nas vésperas do seu inicio cando se chegou a un acordo auspiciado polo Consello Galego de Relacións Laborais. 

O máis relevante do Convenio asinado é:

  • Recoñecemento das cantidades económicas que en concepto de atrasos se lle deben abonar a todo o persoal, con efectos desde xullo de 2008 (aproximadamente uns 500 € por persoa só neste concepto).
  • Incremento salarial para 2009 do 5% de media para todas as traballadoras/es, o que representa o incremento máis alto de convenio algún neste ano en Ourense.
  • Duración do Convenio deica 31 de decembro de 2010.
  • Mantemento da equiparación co persoal do grupo E do SERGAS.
  • Para o ano 2010, reunirase a Comisión Negociadora para establecer os salarios, mantendo sempre as mesmas condicións que o persoal do SERGAS.  

CIG-Servizos, como central sindical maioritaria no sector, manifesta a súa total satisfacción por este acordo, pois garante o 100% das reivindicacións sindicais propostas ao inicio das duras e longas negociacións. O convenio conquistouse grazas á unidade das traballadoras e traballadores, á firmeza amosada e á decisión inquebrantábel de defender con todos os medios, incluída a folga, as conquistas e melloras que tanto custaron conseguir.