A Coruña

O persoal da Torre prosegue co calendario de mobilizacións

20120125_persoal_da_torre_en_maria_pita.jpg
26/1/12.
Os 13 traballadores despedidos da Torre de Hércules continúan coas mobilizacións para demandar a súa readmisión. O persoal realizou un acto simbólico na tardiña do 25 de xaneiro, que consistiu en reproducir o faro con candeas na Praza de María Pita. O Goberno local segue a ignorar este colectivo e non accede a se reunir con el, pese a que hai xa un mes que se rexistrou unha solicitude de entrevista co alcalde.

Traballadores da Torre difunden as súas demandas entre as delegacións internacionais en FITUR

De esquerda a dereita: T. Pedreira, traballador da Torre; ministra de Turismo de Palestina; Álex Expósito (UGT) e A. Naya (CIG).
21/1/12.
Dous traballadores da Torre de Hércules e representantes da CIG-Servizos e UGT repartiron, nos dous días de estadía en FITUR, milleiros de panfletos informativos sobre o peche do faro e a perda dos 13 postos. As catro persoas desprazadas até Madrid conseguiron o apoio de diversas delegacións internacionais como a nepalí, a boliviana ou mesmo da ministra de Turismo de Palestina.

Informan os asistentes a FITUR, en Madrid, do conflito da Torre de Hércules

20120120_fitur_madrid.jpg
20/1/12.
Un traballador da Torre de Hércules e o secretario de Organización da CIG-Servizos trasladáronse até Madrid para informar os asistentes a FITUR (Feira Internacional de Turismo) sobre o conflito laboral desencadeado tralo peche do faro e a perda dos 13 postos. Ambos están a repartir o manifesto lido na concentración do 15 de xaneiro.

A CIG mobiliza centenares de persoas contra os procesos xudiciais a militantes

20120118 Concentración diante dos xulgados da Coruña
18/1/12.
A Confederación Intersindical Galega congregou centenares de persoas na Coruña e Pontevedra nas concentracións previas aos xuízos contra os compañeiros Adolfo Naya e Marcos Cadórniga. O sindicato denunciou publicamente a campaña de represión da que está a ser obxecto a través de imputacións xudiciais de militantes e sancións gobernativas.

Centos de persoas arroupan os empregados da Torre no día do seu peche

Na defensa do persoal da Torre de Hércules 01
16/1/12.
Varios centos de persoas participaron o 15 de xaneiro na concentración solidaria co persoal da Torre de Hércules, o mesmo día no que o Concello pechou o faro e mandou ao paro os seus 13 empregados. Esa mesma xornada, Adolfo Naya e Alejandro Expósito puxeron fin a cinco días de encerro e a tres en folga de fame.

A CIG organiza concentracións solidarias cos compañeiros que serán xulgados o 18 de xaneiro

20110628, detalle da concentración diante da Delegación do Goberno español
13/1/12.
Os compañeiros Adolfo Naya, na Coruña, e Marcos Cadórniga, en Pontevedra, terán que comparecer o 18 de xaneiro nos xulgados das súas cidades acusados da comisión de delitos por exercer o dereito fundamental á folga. A Confederación Intersindical Galega organiza concentracións de apoio ese día en ambas cidades, ás 10:30 horas na Coruña e ás 11:00 en Pontevedra.

Continúa o peche na Torre de Hércules malia acabárense os alimentos

20120111_encerro na Torre de Hércules
13/1/12.
Os dous sindicalistas que desde o 11 de xaneiro permanecen pechados no eirado da Torre de Hércules, a máis de 60 metros de altura, continúan adiante con esta medida de protesta pese a que xa non dispoñen de alimentos. De momento aínda lles quedan líquidos para inxerir. Mentres, segue incrementándose o apoio popular ao persoal do faro e aos activistas encerrados. Organizacións políticas, veciñais e colectivos sociais manifestan a súa solidariedade coa loita e animan a participar na concentración do día 15.

Dous sindicalistas péchanse na Torre de Hércules en defensa dos seus traballadores

20120111 peche na Torre de Hércules
11/1/12.
O secretario de Organización da CIG-Servizos, Adolfo Naya, e un sindicalista da UGT comezaron, na maña do 11 de xaneiro, un encerro na Torre de Hércules en sinal de rexeitamento á decisión do Goberno local de pechala temporalmente a partir do 15 de xaneiro. Os activistas reclaman a preservación dos 13 postos do persoal encargado do mantemento, limpeza e atención ao público. O Concello elude responsabilidades e non aclara se garantirá a subrogación á nova adxudicataria.

Os traballadores da Torre de Hércules responsabilizan o Concello da perda dos seus postos

20070515_torre_hercules_corunha.jpg
07/1/12.
O cadro de persoal da Torre de Hércules responsabiliza o Goberno local da perda dos seus postos a partir do 15 de xaneiro, data na que se fará efectiva a rescisión do contrato coa actual concesionaria, Sermasa. Os traballadores piden ser subrogados á nova adxudicataria. Aproveitando a festividade de Reis, enviáronlles carbón ao alcalde, ao primeiro tenente de alcalde e á concelleira de Emprego e Turismo.

A folga contra a ampliación dos horarios en Catro Camiños pecha máis do 90% das tendas

20111228_folga_catro_caminhos.jpg
29/12/11.
Máis do 90% dos estabelecementos do centro comercial Catro Camiños, na Coruña, pechou na folga do 28 de decembro contra a ampliación do horario de apertura até as 22:00 horas. Agás C&A, todas as tendas do Grupo Inditex, Cortefiel e unha parte importante do pequeno comercio secundaron o paro desenvolvido entre as 21:00 e 22:00 horas. A folga será indefinida a partir do 9 de xaneiro no caso de que a dirección do centro e as multinacionais non desistan dos seus propósitos.

Distribuir contido