CIG-Compostela

Concentración no Carrefour das Cancelas contra o despedimento de 4 traballadores/as en Expertus

A empresa é a encargada da resposición das estanterías da multinacional
05/12/13.
A empresa Expertus, contratada polo Carrefour das Cancelas para a reposición das estanterías, vén de despedir a catro traballadores/as por participar nunha asemblea sindical convocada para informar ao persoal dos seus dereitos laborais. Por isto, CIG-Servizos e UGT convocaron para esta tarde unha concentración diante da entrada do Carrefour exixindo a súa inmediata readmisión.

Persoal da cafetería e traballadoras/es da TVG concéntranse en San Marcos contra os despedimentos

Está convocada unha folga indefinida a partir do 19 de agosto
08/8/13.
O persoal da cafetería da TVG e traballadores/as da compañía concentráronse esta mañá diante das instalacións do ente público en San Marcos para manifestar a súa oposición aos despedimentos e á modificación das condicións de traballo. A cafetería, xestionada desde o 1 de agosto por Coesco Deza S.L (Culinaria), impediu desde ese mesmo día o acceso ao seu posto a 3 traballadores/as. A empresa négase, ademais, a entregarlles a carta de despedimento e a documentación necesaria para poder cobrar a prestación por desemprego. Xa está convocada, a partir do día 19 de agosto, unha folga indefinida.

O persoal do Hotel Puerta del Camino convoca dúas novas xornadas de folga para os días 2 e 3 de agosto

Secundou masivamente a folga convocada para os días 24 e 25 de xullo
29/7/13.
As traballadoras e traballadores do Hotel Puerta del Camino levan meses sen cobrar con regularidade os seus salarios. Tal é así, que da nómina do mes de xuño levaban cobrado, á altura do día 26 de xullo, tan só o 25%. Por iso e porque a empresa que xestiona o hotel decidiu aplicar un ERE en plena tempada alta tiñan convocadas dúas xornadas de folga para os días 24 e 25 de xullo. Malia o masivo seguimento non houbo intento algún, desde a dirección do estabelecemento hostaleiro, de sentar a negociar co persoal que, ante isto, acordou convocar dúas novas xornadas de folga para os días 2 e 3 de agosto.

Desconvocada a folga na cafetería do edificio administrativo da Xunta de Galiza en San Caetano

A empresa concesionaria, Santiago 2, ingresou a metade da extra e comprometeuse a pagar en breve o resto das débedas
29/7/13.
A xornada de folga prevista para este martes na cafetería do edificio administrativo da Xunta de Galiza en san Caetano (Santiago de Compostela) foi desconvocada o pasado venres logo de que a empresa concesionaria, Santiago 2, ingresara ese mesmo día media paga extra e se comprometera a agar a outra media nos próximos días.

Desconvocada a folga en Urbaser tras o acordo de mantemento da xubilación parcial e anticipada

Estaba previsto o seu inicio para o domingo día 21 de xullo
19/7/13.
A folga indefinida convocada no servizo de recollido de lixo de Santiago non chegará sequera a iniciarse. Urbaser, empresa concesionaria, asinaba na tarde deste xoves un acordo polo que se manteñen os dereitos sociais que estaban xa acordados. A empresa pretendía eliminar o dereito á xubilación parcial e anticipada. A CIG-Servizos manifesta a súa satisfacción ante o remate do conflito.

Traballadores/as do Hotel 'Puerta del Camino' concéntranse contra o ERE suspensivo

O Expediente inclúe redución de xornada e suspensión de contratos por un período dun ano
18/7/13.
O Comité de Empresa do Hotel Puerta del Camino convocou para este xoves unha concentración de protesta contra o ERE suspensivo e de redución de xornada imposto pola empresa. No decurso da mobilización denunciaron ademais os atrasos continuados no pagamento das nóminas e anunciaron a convocatoria de folga para os días 24 e 25 de xullo de non se retirar o ERE e actualizar os pagos pendentes.

Problemas de funcionamento no aeroporto de Santiago por falta de persoal

Usuarios e compañías puxeron no seu coñecemento deficiencias técnicas que provocan situacións de graves consecuencias
15/7/13.
O ERE encuberto que AENA impuxo no aeroporto de Lavacolla -que supuxo unha redución de persoal en 28 persoas- e a privatización do servizo de mantemento están a provocar importantes problemas de funcionamento no aeroporto compostelán. Así llo fixeron saber usuarios/as e compañías á sección sindical da CIG, á que transmitiron as súas queixas ante problemas de todo tipo, desde caos nas cintas de entrega de equipaxes ou reiterados problemas eléctricos que afectan á iluminación ou mesmo á apertura de portas, até excesos de temperatura en salas, que ninguén arranxa porque non hai persoal.

O persoal de AENA no aeroporto de Santiago mobilizarase contra o ERE encuberto xa en marcha

Convocan unha concentración para o venres 19 de abril, ás 12:30 horas na nova terminal
17/4/13.
AENA vén de pór en marcha un Plan de Viabilidade que implica unha diminución do 20% do cadro de persoal no aeroporto de Santiago. A sección sindical da CIG denunciou esta mércores, en rolda de prensa, que deste xeito Lavacolla pasará a ter 31 traballadores/as menos vulnerando así o convenio colectivo vixente e o acordo polo que se fixaba en 138 traballadores/as o cadro mínimo operativo. Alertan das repercusións que isto terá na calidade da atención e no normal funcionamento do servizo.

A CIG-Servizos denuncia que o Pazo de Congresos está, desde o 1 de abril, sen servizo de seguridade

Hai un mes prescindiu tamén do servizo de limpeza
03/4/13.
A CIG-SERVIZOS vén de denunciar que o Pazo de Congresos e Exposicións de Galiza non ten servizo de seguridade desde o día 1 de abril. A federación lembra que hai aproximadamente un mes o Pazo de Congresos prescindiu tamén do servizo de limpeza. Un conflito que segue vixente a día de hoxe, e para o que non se ten adoptado medida algunha, o que ten provocado un empeoramento da situación.

O preacordo coa concesionaria da limpeza hospitalaria do CHUS garante a equiparación e a ultraactividade

As traballadoras conseguiron frear a pretensión de rebaixar salarios nun 30%, e incrementar xornada nun 20%
13/3/13.
Grazas á mobilización e á unidade das traballadoras do servizo de limpeza do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS) conseguiuse frear a pretensión da empresa concesionaria, Clece, de rebaixar os salarios nun 30% e incrementar a xornada laboral nun 20%. E non só iso, tamén se acadaron os principais obxectivos: garantir que se manteña a equiparación co persoal do SERGAS e introducir unha cláusula que garanta a ultraactividade indefinida do convenio. Así se recolle no preacordo ratificado este martes nas asembleas celebradas nos distintos centros de traballo e que foi valorado polo secretario comarcal da CIG de Compostela, Anxo Noceda, como “un éxito”.

Distribuir contido