CIG-Servizos

A CIG-Compostela leva ao Valedor a supresión da paga extra de Nadal ao persoal de limpeza do CHUS

Pola información que ten a central sindical, a xerencia do hospital non descontou á concesionaria Clece esa cantidade
30/1/13.
A CIG de Compostela vén de presentar unha queixa perante o Valedor do Pobo para solicitar desta institución que vele polos dereitos de máis de 350 traballadores/as do servizo de limpeza do CHUS e reclamar o aboamento da paga extraordinaria de Nadal que lle foi suprimida. A empresa concesionaria, Clece, aplicou esta medida amparándose no decreto 20/2012 e a CIG denuncia que a administración non lle descontou a contía correspondente á mesma, co que tería quedado con eses cartos a propia empresa.

Caballero tenta calar as demandas dos operarios/as das contratas, negándolles a entrada ao pleno

A pesar de que durante a mañá puideron acceder ao salón de plenos, un decreto non publicado impediu que entrasen á tarde
30/1/13.
Traballadores/as e delegados/as da CIG-Servizos nas diferentes contratas municipais seguen a demandar solucións por parte do concello de Abel Caballero no tocante ás diferentes problemáticas de precarización, despedimentos e abusos que se veñen incrementando nos últimos tempos. Fronte a negativa da alcaldía a escoitar sequera as reivindicacións, decidiron protestar de novo durante o pleno no que se ían aprobar os orzamentos municipais.

Concentración contra a proposta da patronal de grandes almacéns de “traballar máis e cobrar menos”

A CIG-Servizos manifesta a súa total oposición e mantén que a única alternativa para a clase traballadora é a mobilización
28/1/13.
O pasado venres día 25 de xaneiro, delegados/as da CIG-Servizos concentrábanse diante do Leroy Merlin de Compostela en protesta pola oferta da patronal do sector de grandes almacéns, que vén de propor “traballar máis e cobrar menos”. A patronal pretende reducir as condicións laborais e salariais das traballadoras e traballadores, ante o que a federación considera que a única saída é a mobilización.

Traballadores/as da limpeza continúan co calendario de mobilizacións por un convenio digno

28/1/13.
Traballadores e traballadoras dos servizos de limpeza da provincia da Coruña continuaron o pasado venres co calendario de mobilizacións para esixir da gran patronal do sector que asine o preacordo que existe entre organizacións sindicais e as pequenas empresas provinciais para o novo convenio colectivo. Desta volta a protesta trasladouse novamente até o interior do Alcampo de Ferrol.

A ‘Marcha pola dignidade’ no sector de seguridade privada remata cunha chourizada no Obradoiro

28/1/13.
Este sábado chegaban a Compostela os vixiantes de seguridade privada que percorreron o Camiño de Santiago, desde o Cebreiro, na “Marcha pola Dignidade”. Á súa chegada denunciaron a rebaixa salarial e das condicións laborais que xa comezou a impor a patronal do sector e, tal e como anunciaran, convidaron a unha chourizada popular, no Obradoiro, a compañeiros e compañeiras que se sumaron ás súas demandas.

A marcha de traballadores/as de seguridade privada avanza malia as adversas condicións climatolóxicas

Chegarán este sábado a Compostela onde farán unha chourizada popular, ás 17:00 horas, na Praza do Obradoiro
25/1/13.
O pasado luns un grupo de vixiantes de seguridade privada iniciaba o Camiño de Santiago, desde o Cebreiro. Unha ‘marcha pola dignidade’, organizada pola CIG-Servizos, coa que queren denunciar a rebaixa salarial e das condicións laborais que pretende impor a patronal do sector. Malia as adversas condicións meteorolóxicas contra as 17:00 horas deste sábado 26 de xaneiro chegarán a Compostela, onde teñen previsto facer unha chourizada popular, á que convidan a toda a veciñanza de Compostela

Traballadores/as do Gran Hotel de Lugo concéntranse contra os despedimentos e para esixir os seus salarios

O propietario da empresa, que tamén é dono do Gran Hotel de Compostela e o San Martín de Ourense, atópase na cadea
24/1/13.
Traballadores e traballadoras do Gran Hotel de Lugo concentráronse o mércores ás portas do coñecido estabelecemento hoteleiro para esixir a readmisión dos nove compañeiros/as despedidos/as nunha das empresas do grupo e esixir o pagamento de todos os atrasos salariais.

O Comité de Albada presenta denuncia na Inspección de Traballo polas filtracións de lixiviados en Nostián

A representación do persoal quere que se analicen os riscos que pode ter para a saúde do persoal o contacto con estes residuos
24/1/13.
Tal e como tiñan anunciado, os membros do Comité de Albada presentaron este mañá denuncia diante da Inspección de Traballo para que investigue os riscos para a saúde e as condicións de seguridade nas que os traballadores/as da planta de tratamento de residuos de Nostián desenvolven as súas tarefas.

O Comité de Albada denuncia por posíbel delito contra o medioambiente provocado por un verquido

A pasada fin de semana produciuse un vertido de residuos directamente ao mar tras o desbordamento dunha das balsas da planta
23/1/13.
O Comité de Albada (empresa concesionaria da planta de tratamento de residuos de Nostián) formulou denuncia este mércores diante da Policía Autonómica pola comisión dun posíbel delito contra o medio ambiente, logo de que a pasada fin de semana se producira un verquido incontrolado de lixiviados directamente ao mar, tras desbordarse unha das balsas das instalacións.

Traballadores/as de seguridade privada inician a marcha desde o Cebreiro a Compostela entre a neve

Contra os EREs no sector, a pretensión de descolgues de convenio da patronal e as rebaixas das condicións salariais e laborais
21/1/13.
Traballadores e traballadoras de seguridade privada iniciaron este luns a marcha a pé reivindicativa pola dignidade laboral no sector. Malia a dura xornada as/os camiñantes avanzaron pola neve até Triacastela e este martes, día 22 de xaneiro teñen previsto realizar a etapa Triacastela-Sarria. Con esta marcha pola dignidade pretenden denunciar a intención das grandes empresas de seguridade de rebaixar as condicións salariais e sociais, incrementar a xornada anual, conxelacións de antigüidade e perda das pagas extra.

Distribuir contido