Compostela

Imputan o reitor da USC pola presunta comisión dos delitos de prevaricación e malversación de fondos

20120113_rolda_prensa_sobre_casares_long.jpg
13/1/12.
O reitor da Universidade de Santiago de Compostela (USC), Juan Casares Long, terá que comparecer como imputado o 6 de febreiro no xulgado de Instrución número 2 da cidade como presunto autor dos delitos de prevaricación e malversación de fondos públicos. Esta citación xudicial é consecuencia da querela presentada contra el pola CIG-Servizos e UGT. Ambas centrais entenden que, baixo o seu mandato, a Fundación USC-Deportiva consolidou unha traballadora sen convocatoria pública nin proceso selectivo. Os dous sindicatos piden a dimisión do reitor.

Varios sindicatos concentraranse contra os abusos en Supermercados DIA

supermercados_dia_copia.jpg
09/12/11.
CIG-Servizos, CC.OO e UGT anunciaron mobilizacións contra os abusos e a precariedade laboral existentes en Supermercados DIA. Xa hai convocada unha concentración diante da tenda-escola da empresa en Santiago de Compostela, o 12 de decembro ás 12:00 horas. Esta cadea de alimentación despide inxustificadamente, sobrecarga de traballo o persoal ou non cobre as baixas. Porén, aumentou considerabelmente as súas vendas e dividendos durante o exercicio pasado.

A Xustiza revoga unha sanción a un delegado de Leroy Merlin en Compostela

Logotipo Leroy Merlin
21/11/11.
O Xulgado do Social número 3 de Santiago de Compostela anulou unha sanción a un membro do comité e delegado da CIG en Leroy Merlin. A empresa castigara o operario cunha suspensión de emprego e soldo durante catro días por unha falta de puntualidade. Sen embargo, o presente fallo reproba a empresa por non ter tramitado correctamente o expediente disciplinario e condénaa a lle abonar as cantidades correspondentes ao traballador polos catro días que non percibiu o soldo.

Un mando da Guardia Civil acosa un delegado por motivos ideolóxicos

20111107_picolo_acosa_afiliado
07/11/11.
O sarxento da Guardia Civil do Aeroporto de Lavacolla está acosando un delegado da CIG-Servizos, vixilante de seguridade privada, por cuestións ideolóxicas, políticas e sindicais. Ademais, este mando do corpo militar español impídelle ao traballador o acceso á zona restrinxida do aeródromo, circunstancia que o obriga a prestar os seus servizos no aparcadoiro e nos exteriores. O sindicato organizou o 7 de novembro unha concentración nas propias instalacións aeroportuarias para esixir o cesamento do acoso ao traballador e o respecto aos seus dereitos fundamentais.

Persoal de Zara segue a denunciar fraude na contratación

Zara da Praza de Galiza de Compostela (foto de Galiza Contrainfo)
11/10/11.
Persoal de Zara da provincia da Coruña concentrouse, o 11 de outubro, diante do estabelecemento da Praza de Galiza de Compostela para denunciar o incumprimento do convenio. As traballadoras a tempo parcial están vendo como se lles conculca o dereito preferente de incrementar a súa xornada fronte á celebración de novas contratacións.

O comité de Lousame condiciona a desconvocatoria da folga á aprobación dunha moción en Ames

Marcha Lousame
09/11/10.
O comité da planta de tratamento de residuos da Mancomunidade de Municipios “Serra do Barbanza”, situada en Lousame, pospuxo a folga que tiña convocada para o 8 de novembro. Os representantes dos traballadores concederon un novo prazo aos concellos, en especial ao de Ames, para que aproben mocións de apoio á continuidade deste servizo e abonen as débedas que teñen contraídas coa concesionaria.

Traballadores de Francisco Parada comezan unha peregrinación a Compostela

20100310_francisco_parada_06.jpg
05/5/10.
Varios empregados de Francisco Parada aos que a empresa lles adebeda mensualidades iniciaron o 5 de maio en Sarria unha peregrinación a pé até Compostela, a onde confían chegar catro días máis tarde. Mentres, o propietario da compañía querelouse contra o asesor sindical da CIG por “calumnias e inxurias” por chamalo moroso, cualificativo que resulta obvio ao teor das débedas cuantiosas que o patrón ten contraídas con asalariados seus.

XADE despide un socorrista que secundou a folga de deportes

concentracion_multiusos_xade.jpg
26/4/10.
XADE, empresa que xestiona as instalacións deportivas compostelás do Multiusos do Sar e do complexo de Santa Isabel, despediu un socorrista, afiliado á CIG-Servizos, que secundou a folga no sector e que leva anos significándose pola súa loita incansábel en defensa dos dereitos dos traballadores e traballadoras.

A Federación anima a participar na manifestación en defensa dos servizos públicos

CARTAZ_25_ABRIL.jpg
21/4/10.
CIG-Servizos fai un chamamento aos seus afiliados e afiliadas a participaren o 25 de abril na manifestación que partirá ás 12:00 horas da alameda compostelá en defensa dos servizos públicos, ameazados polas políticas neoliberais e depredadoras do ben colectivo que perpetra o Goberno autonómico. A marcha está impulsada pola CIG e por outras organizacións sindicais e políticas.

V Congreso Nacional: “Obreira é a nosa clase, galega é a nosa lingua”

plotter.jpg
30/3/10.
CIG-Servizos celebrará o V Congreso Nacional o 10 de abril no Palacio de Congresos de Compostela baixo os lemas “Obreira é a nosa clase, galega é a nosa lingua” e “Non ao recorte dos dereitos laborais”. O primeiro slogan sintetiza os dous obxectivos básicos que persegue a Federación: a emancipación de clase e a liberación nacional. O segundo manifesta a oposición rotunda ás tentativas do Goberno español de minguar conquistas sociais que os traballadores e traballadoras conseguiron coa súa loita ao longo de moitos anos.

Distribuir contido