Compostela

Traballadores de Francisco Parada comezan unha peregrinación a Compostela

20100310_francisco_parada_06.jpg
05/5/10.
Varios empregados de Francisco Parada aos que a empresa lles adebeda mensualidades iniciaron o 5 de maio en Sarria unha peregrinación a pé até Compostela, a onde confían chegar catro días máis tarde. Mentres, o propietario da compañía querelouse contra o asesor sindical da CIG por “calumnias e inxurias” por chamalo moroso, cualificativo que resulta obvio ao teor das débedas cuantiosas que o patrón ten contraídas con asalariados seus.

XADE despide un socorrista que secundou a folga de deportes

concentracion_multiusos_xade.jpg
26/4/10.
XADE, empresa que xestiona as instalacións deportivas compostelás do Multiusos do Sar e do complexo de Santa Isabel, despediu un socorrista, afiliado á CIG-Servizos, que secundou a folga no sector e que leva anos significándose pola súa loita incansábel en defensa dos dereitos dos traballadores e traballadoras.

A Federación anima a participar na manifestación en defensa dos servizos públicos

CARTAZ_25_ABRIL.jpg
21/4/10.
CIG-Servizos fai un chamamento aos seus afiliados e afiliadas a participaren o 25 de abril na manifestación que partirá ás 12:00 horas da alameda compostelá en defensa dos servizos públicos, ameazados polas políticas neoliberais e depredadoras do ben colectivo que perpetra o Goberno autonómico. A marcha está impulsada pola CIG e por outras organizacións sindicais e políticas.

V Congreso Nacional: “Obreira é a nosa clase, galega é a nosa lingua”

plotter.jpg
30/3/10.
CIG-Servizos celebrará o V Congreso Nacional o 10 de abril no Palacio de Congresos de Compostela baixo os lemas “Obreira é a nosa clase, galega é a nosa lingua” e “Non ao recorte dos dereitos laborais”. O primeiro slogan sintetiza os dous obxectivos básicos que persegue a Federación: a emancipación de clase e a liberación nacional. O segundo manifesta a oposición rotunda ás tentativas do Goberno español de minguar conquistas sociais que os traballadores e traballadoras conseguiron coa súa loita ao longo de moitos anos.

Persoal da limpeza de todo o país solidarízase coas despedidas nun Alcampo de Vigo

20100304_alcampo_vigo.jpg
05/3/10.
Concentracións simultáneas ás portas dos Alcampo de Coia (Vigo), A Coruña, Ferrol e Compostela mostraron, o 4 de marzo, a solidariedade coas 12 traballadoras da limpeza despedidas recentemente na cidade olívica ao non seren subrogadas á nova contrata do servizo.

Persoal de deportes é desaloxado pola policía da Dirección Xeral de Relacións Laborais

20100219_peche_relacions_laborais_pixelin.jpg
21/2/10.
A actuación da policía puxo fin a cinco horas de peche de sindicalistas e traballadores das instalacións deportivas no despacho do director xeral de Relacións Laborais, Odilio Martiñá. O desaloxo provocou contusións a varias persoas que participaron na protesta, desenvolvida o 19 de febreiro. Por volta de 200 empregados do sector concentráronse no exterior do edificio.

Convocada unha nova folga en Limpezas Ames por mor do impagamento de salarios

20090910_limpezas_ames.jpg
07/2/10.
O persoal de Limpezas Ames comezou o 8 de febreiro unha folga indefinida como protesta polo impagamento das dúas últimas mensualidades e pola escaseza de material para realizar o seu traballo en condicións.

Limpezas Ames é a empresa encargada do servizo de limpeza de diversos edificios municipais e de centros educativos da localidade. CIG-Servizos reclámalle ao Concello que rescinda canto antes a concesión, posto que a situación actual se repite periodicamente no tempo. Esta é a cuarta ocasión nos últimos dous anos que as traballadoras teñen que recorrer a medidas de presión para cobrar os seus salarios.

A segunda fase da folga nos deportes logra pechar de novo as instalacións

20091222_folga_deportes.jpg
23/12/09.
Persoal das instalacións deportivas de toda Galiza desprazouse a Compostela o 22 de decembro para participar nunha concentración convocada diante das dependencias da Secretaría Xeral para o Deporte. Tras ocupar durante máis de media hora as oficinas, os traballadores saíron en manifestación até as dependencias da Xunta en San Lázaro. Deste xeito, púxose fin a catro xornadas consecutivas de paros e mobilizacións en demanda da negociación do convenio colectivo. O seguimento da folga volveu ser do 90%.

Ducias de delegados protestan contra o acoso laboral no Pimkie de Compostela

Protesta contra o acoso laboral no Pimkie compostelán 6
12/12/09.
Varias ducias de delegados da CIG-Servizos concentráronse o 11 de decembro fronte ao estabelecemento compostelán da multinacional francesa de roupa feminina Pimkie en protesta polo despedimento dunha traballadora e para censurar o acoso laboral inflixido pola encargada a empregadas.

Continúa a campaña de denuncia dos despedimentos en Daviña

20091211_davinha_compostela_01.jpg
11/12/09.
CIG-Servizos de Compostela segue adiante coas concentracións contra os despedimentos de traballadoras, entre elas a delegada de persoal, en Daviña División Comercial, empresa de venda de electrodomésticos. O 11 de decembro a protesta trasladouse até o estabelecemento da rúa República de El Salvador.

Distribuir contido