Ferrol

Referendado un preacordo no almacén de Pull&Bear que contempla unha suba do 16´5% en tres anos

05/10/10.
As asembleas de traballadores do almacén loxístico de Pull&Bear referendaron o preacordo atinxido coa empresa na noite do 4 de outubro, que reportará aos operarios, entre outros aspectos, unha suba do 16´5% nos seus tres anos de vixencia. Ademais do incremento salarial, acadáronse melloras sociais relativas a licenzas retribuídas, excedencias, xornadas mínimas ou libranzas os días 24, 25 e 31 de decembro e o 1 de xaneiro. O cadro de persoal volverá aos seus postos o 6 de outubro.

Os paros han continuar no almacén de Pull&Bear a prol dun acordo laboral digno

04/10/10.
Os traballadores e traballadoras do almacén loxístico de Pull&Bear en Narón continuarán coa folga para conseguir un acordo laboral que colme as súas expectativas. Haberá novos paros os días 5, 6, 7 e 11 de outubro ao rexeitaren os operarios en asemblea a última oferta patronal. Deste xeito, dáselle continuidade ao calendario de mobilizacións que aprobaran semanas atrás os empregados e empregadas.

O mercadiño e o mercado de Recimil, en Ferrol, únense á folga xeral

27/9/10.
Sindicalistas da CIG-Servizos de Ferrol visitaron o 27 de setembro o mercado e o mercadiño de Recimil para informar sobre os motivos para ir á folga xeral do día 29. A receptividade por parte dos traballadores autónomos da praza e dos vendedores ambulantes foi moi boa e a maioría manifestou que apoiará o paro.

Paulo Rubido disertará en Ferrol sobre as razóns para ir á folga

21/9/10.
O secretario nacional da CIG-Servizos, Paulo Rubido, participará o 22 de setembro en Ferrol nunha charla-debate sobre a folga xeral. A palestra ha ter lugar ás 20:00 horas no salón de actos da Unión Comarcal, sito na rúa Eduardo Pondal, 41-43.

A sección sindical na limpeza do Arquitecto Marcide emite un comunicado de apoio á folga xeral

20/9/10.
A sección sindical da CIG-Servizos en Eurolimp no centro de traballo do hospital Arquitecto Marcide de Ferrol emitiu un comunicado en que anima a secundar a folga xeral convocada para o 29 de setembro contra a reforma do mercado laboral.

A autoridade laboral rexeita o ERE de Neira & Ortegal

18/9/10.
A Consellería de Traballo rexeitou o ERE presentado por Neira & Ortegal por deficiencias na documentación e indicio de fraude de lei por incluír e posteriormente retirar do expediente catro familiares directos dos socios. A intención da sociedade era suprimir 19 postos de traballo.

Convocados paros e folga no almacén de Pull&Bear de Narón

14/9/10.
O cadro de persoal do almacén loxístico de Pull&Bear de Narón está convocado a unha folga que se estenderá do 28 de setembro até as 03:00 horas do 1 de outubro. Do mesmo xeito, os traballadores e traballadoras están a secundar exitosamente paros dunha hora os domingos e martes nas quendas de mañá e noite. Todas estas accións de protesta están encamiñadas á consecución dun pacto de empresa con melloras salariais e sociais. No caso de que non se produzan avances, a folga repetirase novamente os días 5, 6, 7, 10 e 11 de outubro.

CIG-Servizos demanda Serviasistencia e o Concello de Ferrol por impagamento ás empregadas

06/9/10.
CIG-Servizos demandou a empresa Serviasistencia, concesionaria do servizo de axuda a domicilio en Ferrol, e o Concello, como responsábel solidario, por adebedarlles tres mensualidades ás traballadoras. Serviasistencia incumpre o convenio sectorial no tocante aos descansos ou en materia retributiva. Do mesmo xeito, a empresa está a modificar as condicións laborais de maneira unilateral e toma represalias contra aquelas traballadoras que reclaman os seus dereitos.

A práctica totalidade do cadro de Neira & Ortegal secunda a folga

03/9/10.
A folga do 2 de setembro en Neira & Ortegal, secundada polo 95% do persoal, serviu para que a empresa aboase o salario de xullo. Porén, a compañía aínda debe a paga extraordinaria. A protesta convocada polo comité tamén evidenciou o rexeitamento contra o ERE, cuxa resolución pola autoridade laboral está prevista para a vindeira semana.

Convocada folga en Neira & Ortegal o 2 de setembro en contra do ERE

01/9/10.
O cadro de persoal de Neira & Ortegal S.L, empresa dedicada á compra-venda de materiais de construción con centros en Ferrol, Narón, Ortigueira e Viveiro, convocou folga para o 2 de setembro co obxecto de reclamar os salarios adebedados e en contra do Expediente de Regulación de Emprego de extinción proposto pola sociedade.

Distribuir contido