mobilizacións

A Intersindical-CSC amosa o seu apoio aos sindicalistas que serán xulgados o 18 de xaneiro

Intersindical CSC
17/1/12.
A Federació de Serveis da Intersindical-CSC, sindicato nacional de clase dos Països Cataláns irmandado coa CIG-Servizos, emitiu un comunicado de adhesión ás mobilizacións previstas para o 18 de xaneiro en apoio a Adolfo Naya e Marcos Cadórniga. A Federación de Servizos da CIG agradece profundamente esta mostra de solidariedade internacionalista dos e das compañeiras catalás.

Centos de persoas arroupan os empregados da Torre no día do seu peche

Na defensa do persoal da Torre de Hércules 01
16/1/12.
Varios centos de persoas participaron o 15 de xaneiro na concentración solidaria co persoal da Torre de Hércules, o mesmo día no que o Concello pechou o faro e mandou ao paro os seus 13 empregados. Esa mesma xornada, Adolfo Naya e Alejandro Expósito puxeron fin a cinco días de encerro e a tres en folga de fame.

ESABE rebaixa as gratificacións extraordinarias ao persoal

ESABE
04/1/12.
A empresa de seguridade privada ESABE Vigilancia rebaixou a contía das gratificacións extraordinarias ao excluír do seu cálculo os pluses de vestiario e transporte. A compañía ampárase no artigo 71 do convenio sectorial e alega que estivo pagando erroneamente estes conceptos. ESABE, non obstante, non é tan dilixente á hora de solucionar os problemas xerados nos cobramentos das nóminas, das pagas, das liquidacións ou no tocante á uniformidade ou aos exercicios de tiro. Mentres, os empregados da provincia de Pontevedra xa convocaron mobilizacións.

Persoal do centro comercial Catro Camiños mobilízase contra a ampliación dos horarios

20111220_catro_caminhos.jpg
20/12/11.
Traballadores e traballadoras do centro comercial Catro Camiños, na Coruña, concentráronse diante da porta principal, a primeira hora do 20 de decembro, para amosar a súa repulsa perante os plans das grandes empresas asentadas nesta superficie de ampliar o horario de apertura até as 22:00 horas. A convocatoria da protesta partiu da CIG-Servizos, UGT e CC.OO.

Varios sindicatos concentraranse contra os abusos en Supermercados DIA

supermercados_dia_copia.jpg
09/12/11.
CIG-Servizos, CC.OO e UGT anunciaron mobilizacións contra os abusos e a precariedade laboral existentes en Supermercados DIA. Xa hai convocada unha concentración diante da tenda-escola da empresa en Santiago de Compostela, o 12 de decembro ás 12:00 horas. Esta cadea de alimentación despide inxustificadamente, sobrecarga de traballo o persoal ou non cobre as baixas. Porén, aumentou considerabelmente as súas vendas e dividendos durante o exercicio pasado.

Proseguen as protestas dos empregados da recollida do lixo de Vigo contra a perda de postos

20111117_protestas_dos_traballadores_do_lixo_de_vigo.jpg
18/11/11.
Persoal de diferentes concesionarias do Concello de Vigo sumouse ás mobilizacións dos traballadores da recollida do lixo e da limpeza viaria contra os plans que prevén a perda de 180 postos neste servizo. Delegados e delegadas en Linorsa e Cespa participaron o 17 de novembro na concentración diante do consistorio que organizou o persoal de FCC.

Sucédense os actos de apoio á traballadora dun Lidl ourensán vítima dun despedimento desproporcionado

20111115_lidl_ourense.jpg
15/11/11.
Ducias de delegados e delegadas da CIG-Servizos concentráronse o 15 de novembro fronte aos centros de traballo Lidl en Ourense en protesta polo despedimento dunha traballadora, acusada de substraer unhas papas de cereal para a súa filla. O sindicato cualifica como inxusta, indecente e inmoral esta decisión empresarial, que ademais atenta contra a honorabilidade da empregada. As medidas de presión han continuar até que se alcance un acordo que dignifique a profesionalidade desta traballadora, que conta con máis de 10 anos de antigüidade na compañía.

O Grupo Cortefiel rebaixa as retribucións a empregados

20111020_Cortefiel_Corunha
20/10/11.
O comité de empresa denuncia que o Grupo Cortefiel rebaixou unilateralmente os salarios e que está a incumprir reiteradamente o convenio e a lexislación laboral. Traballadores e traballadoras realizaron unha concentración o 20 de outubro na Coruña ás portas da tenda Springfield da Rúa Real en protesta por esta situación. Parte do persoal está a percibir entre 100 e 300 euros menos ao mes.

Persoal de Zara segue a denunciar fraude na contratación

Zara da Praza de Galiza de Compostela (foto de Galiza Contrainfo)
11/10/11.
Persoal de Zara da provincia da Coruña concentrouse, o 11 de outubro, diante do estabelecemento da Praza de Galiza de Compostela para denunciar o incumprimento do convenio. As traballadoras a tempo parcial están vendo como se lles conculca o dereito preferente de incrementar a súa xornada fronte á celebración de novas contratacións.

Pimkie pecha a súa tenda na Coruña e deixa na rúa seis traballadoras

Contra o peche da tenda de Pimkie na Coruña 02
05/10/11.
A multinacional francesa do comercio téxtil Pimkie vai pechar a súa tenda na Coruña, decisión que deixará na rúa seis traballadoras a partir do 9 de outubro. CIG-Servizos considera estes despedimentos fraudulentos e contrarios a dereito. A firma quere desfacerse destas empregadas da maneira máis barata posíbel, alegando causas obxectivas por motivos económicos, con tan só 20 días de indemnización por ano traballado. O sindicato mobilizouse diante da tenda o 5 de outubro e xa prepara medidas legais para impugnar os despedimentos.

Distribuir contido