persecución sindical

Convocada folga na residencia Geriatros de Cabanas contra o despedimento dunha delegada do comité

Geriatros_laraxe.jpg
19/3/10.
CIG-Servizos convocou folga na residencia da terceira idade Geriatros de Laraxe (Cabanas) para os días 8, 15 e 22 de abril como medida de protesta contra o despedimento dunha delegada do comité. Esta represalia é unha advertencia ao persoal do resto de xeriátricos da empresa para que non reclame melloras como as conseguidas no centro de Laraxe. Porén estes intentos serán inútiles.

Deteñen o compañeiro Adolfo Naya pola súa participación na folga de deportes

17/3/10.
Segunda detención dun membro da CIG-Servizos nunha semana pola súa participación na folga das instalacións deportivas. Desta volta trátase do liberado da Federación comarcal da Coruña Adolfo Naya. O compañeiro, que xa recobrou a liberdade, está acusado da presunta comisión dun delito de coaccións. Non é casual que esta e a anterior detención se producisen unha vez que se desconvocou a folga no sector. Tal circunstancia representa unha vendeta particular da Subdelegación do Goberno español, en conivencia coa patronal, para criminalizar o sindicato.

Deteñen o secretario comarcal da CIG-Servizos coruñesa

Salvador Cerqueiro
09/3/10.
Salvador Cerqueiro, secretario comarcal da CIG-Servizos da Coruña, foi detido no seu domicilio pola policía española o 9 de marzo, acusado da presunta comisión dun delito de danos no decurso da folga nas instalacións deportivas. A detención do compañeiro, que permaneceu algo máis dunha hora na Xefatura Superior de Policía, produciuse o mesmo día en que se retomou a actividade no sector logo de máis dun mes de folga indefinida.

CIG-Servizos protesta contra o despedimento dun afiliado en Eroski

20100224_eroski_corunha.jpg
24/2/10.
Delegados sindicais e traballadores de Vegalsa-Eroski realizaron o 24 de febreiro unha concentración en coincidencia coa inauguración dun novo hipermercado na Coruña para protestar contra o despedimento dun afiliado que conformaba a candidatura para as eleccións sindicais. A concentración tamén serviu para censurar a explotación laboral e a persecución sindical na empresa.

Zara deberá indemnizar CIG-Servizos por vulnerar a liberdade sindical

22/2/10.
A Sala do Social do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza condenou Zara España S.A. por vulnerar o dereito á liberdade sindical da CIG-Servizos. Esta firma do grupo Inditex deberá indemnizar a central con 1.264´78 euros polo prexuízo moral ocasionado. Zara negáralles permisos retribuídos a dúas traballadoras que designara o sindicato para acudir a xuntanzas da negociación do convenio provincial do comercio téxtil ourensán.

A cadea de restaurantes “Agapes-Flunch” despide tres afiliadas en Vigo

20100113_flunch_vigo.2.jpg
14/1/10.
A cadea de restaurantes “Agapes-Flunch” despediu nos días pasados tres afiliadas da CIG-Servizos no centro de traballo situado no Alcampo de Coia, en Vigo. As compañeiras tiñan unha antigüidade na empresa próxima aos 25 anos e dúas delas foran delegadas do comité. A compañía alega causas económicas nos despedimentos, extremo que non comparte a central nacionalista. CIG-Servizos organizou unha concentración solidaria o 13 de xaneiro ás portas deste estabelecemento hostaleiro.

Ducias de delegados protestan contra o acoso laboral no Pimkie de Compostela

Protesta contra o acoso laboral no Pimkie compostelán 6
12/12/09.
Varias ducias de delegados da CIG-Servizos concentráronse o 11 de decembro fronte ao estabelecemento compostelán da multinacional francesa de roupa feminina Pimkie en protesta polo despedimento dunha traballadora e para censurar o acoso laboral inflixido pola encargada a empregadas.

Pimkie de Compostela despide a segunda traballadora nun ano

Pimkie.jpg
03/12/09.
A multinacional francesa do téxtil Pimkie despediu unha traballadora do estabelecemento de Compostela, a segunda nun ano. Tal como acontecera no caso anterior, declarado improcedente pola Xustiza, a compañía tamén aduce agora “baixo rendemento” para lle rescindir o contrato á empregada. CIG-Servizos emprenderá accións.

Multiauto é condenada a readmitir os dous empregados despedidos por promoveren eleccións

multiauto_2.jpg
25/11/09.
Un xulgado compostelán ven de condenar Multiauto a readmitir dous traballadores que despedira no verán por promoveren eleccións nesta empresa dedicada ao transporte de automóbiles de alugueiro da compañía Leaseplan. A sentenza declara nulos os despedimentos ao se tratar dun caso de persecución sindical.

CIG-Servizos felicítase pola readmisión da compañeira Consuelo Martínez

Consuelo Martínez
12/11/09.
CIG-Servizos congratúlase pola sentenza que declara nulo o despedimento da compañeira Consuelo Martínez e que obriga Povisa a readmitila. A Federación entende que esta resolución fai xustiza nun caso de conculcación flagrante da liberdade sindical, pois Consuelo, delegada de persoal, fora despedida como represalia por ter xogado un papel destacadísimo na folga desenvolvida hai meses nesa clínica privada viguesa.

Distribuir contido