Pontevedra

O Xulgado do Mercantil de Pontevedra anula o ERE de Coserpont ao entender que non existiu negociación

A empresa de servizos ten cinco días para recorrer ou deberá achegar unha nova proposta
06/2/14.
O Xulgado do Mercantil número 2 de Pontevedra vén de anular o ERE de extinción que afecta a 34 traballadores/as da empresa de servizos Coserpont, en concurso de acredores dende o 22 de xullo, ao entender que non existiu negociación. A administración concursal ten cinco días para presentar recurso ou deberá achegar unha nova proposta.

TSXG anula a lista de afectados/as polo ERE de Securitas na provincia de Pontevedra

A CIG presentara conflito colectivo porque 20 dos 28 traballadores/as incluídos no expediente eran afiliados/as da central
31/1/14.
O Tribunal Superior de Xustiza de Galiza (TSXG) vén de anular a lista de persoas afectadas polo ERE de Securitas na provincia de Pontevedra ao entender que a compañía vulnerou o dereito fundamental de liberdade sindical e condena a empresa a readmitir ou indemnizar os traballadores/as. A CIG presentara demanda de conflito colectivo porque 20 dos 28 traballadores/as incluídos no expediente eran afiliados/as da central nacionalista.

Traballadores/as do comercio de alimentación pontevedrés ratificaron un acordo con ultractividade

O éxito da primeira xornada de folga foi fundamental para desbloquear as negociacións coa patronal
26/3/13.
Os traballadores/as do comercio de alimentación da provincia de Pontevedra ratificaron onte un acordo de convenio coa patronal do sector que incorpora a cláusula de ultractividade -polo que manterá a súa aplicación independentemente da vixencia pactada até que sexa substituído por outro do mesmo ámbito- ademais de conservar os dereitos laborais do cadro de persoal. Os sindicatos lograron tamén que a patronal desistise da súa intención de aplicar a reforma laboral do PP e consideran que a presión exercida polas mobilizacións foi determinante para desbloquear as negociacións.

Amplo seguimento da folga na alimentación en Pontevedra mentres segue a mediación en Traballo

As negociacións atópanse enquistadas pola negativa da patronal a ceder no referente á antigüidade e ao salario
25/3/13.
A folga convocada no comercio de alimentación da provincia de Pontevedra para reclamar un convenio que garanta os dereitos laborais está a ter un amplo seguimento por parte dos traballadores/as. Centos de piquetes informativos percorreron dende primeira hora da mañá as rúas de Vigo, Pontevedra e Vilagarcía para constatar que a maior parte dos establecementos non abriu as súas portas. As negociacións entre patronal e sindicatos na Inspección de Traballo continuaron nesta primeira xornada de paro.

O comercio de alimentación de Pontevedra vai á folga tras a ruptura das negociacións do convenio

A mediación da Inspección de Traballo no sábado non logrou evitar un paro ao que están chamados uns 15.000 traballadores/as
24/3/13.
Os traballadores/as do comercio de alimentación da provincia de Pontevedra irán finalmente á folga a partir do luns tras a ruptura das negociacións coa patronal do sector, que pretende asinar un convenio que suporía a perda de boa parte dos seus dereitos laborais. A mediación da Inspección de Traballo durante toda a xornada do sábado non logrou achegar posturas e evitar un paro ao que están chamados uns 15.000 empregados/as.

A alimentación pontevedresa irá á folga o luns pola negativa da patronal a retirar a proposta de convenio

Arredor de 15.000 traballadores/as do sector están chamados ao paro en toda a provincia durante a Semana Santa
22/3/13.
Os traballadores/as do comercio de alimentación da provincia de Pontevedra irán finalmente á folga a partir do luns tras a ruptura das negociacións coa patronal do sector, que pretende asinar un convenio que suporía a perda de boa parte dos seus dereitos laborais. As tres centrais maioritarias convocan os afectados/as a unha asemblea este domingo ás 11.30 horas no local da CIG de Vigo para preparar as mobilizacións.

Novas accións de protesta en establecementos de alimentación e téxtil polo bloqueo dos convenios

Traballadores/as do sector e delegados/as da CIG volveron colapsar varias tendas para denunciar a actitude da patronal
21/12/12.
Delegados/as sindicais e traballadores/as do comercio de alimentación da CIG de Pontevedra desenvolveron hoxe novas accións de protesta para reclamar o desbloqueo das negociacións do convenio colectivo. A mobilización, que ao igual que as levadas a cabo anteriormente en tendas de roupa noutros puntos do país consistiu en coller dos estantes gran cantidade de produtos para unha vez na caixa devolvelos, colapsou durante máis dunha hora un supermercado do centro da cidade. No caso de Ourense a protesta desenvolveuse o xoves nunha tenda de roupa do centro comercial Pontevella.

Unha manifestación percorre Pontevedra en solidariedade cos sindicalistas condenados a prisión

A marcha reivindicativa, convocada por CIG, CCOO e UGT, rematou diante da Audiencia Provincial
17/7/12.
Centos e centos de persoas convocadas pola CIG, CCOO e UGT participaron hoxe na manifestación que percorreu as rúas de Pontevedra en solidariedade cos tres sindicalistas condenados a tres anos de prisión por participar na folga do comercio de alimentación en 2009. Dende a central nacionalista adiantaron que mañá manterán unha xuntanza co fiscal xefe de Galiza para trasladarlles o seu rexeitamento á actitude represiva do Ministerio Fiscal.

A Fiscalía mantén a petición de cadea para dous sindicalistas da CIG aínda que non existen probas

Marcos Cadórniga e Carlos Alján, da federación de Servizos, foron identificados cando integraban un piquete na folga do comercio
26/6/12.
A fiscal decidiu manter a petición de tres anos de prisión para os dous sindicalistas da CIG acusados, xunto a un terceiro de CCOO, dun delito contra a liberdade dos traballadores/as pola súa participación na folga do comercio de alimentación en 2009 a pesar de que durante o xuízo celebrado hoxe en Pontevedra non se constatase a existencia de probas. Varios centos de persoas trasladáronlle a súa solidariedade aos acusados cunha concentración ás portas do edificio xudicial.

A CIG convoca unha concentración polos compañeiros de Servizos aos que lles solicitan tres anos de prisión

Os acusados formaban parte dun piquete na folga do comercio de alimentación da Coruña e Pontevedra en 2009
25/6/12.
A Confederación Intersindical Galega convoca mañá martes en Pontevedra unha concentración solidaria coincidindo co xuízo a dous compañeiros da federación de Servizos aos que lle reclaman tres anos de cadea por ter participado na folga do comercio de alimentación na Coruña e Pontevedra en 2009. Marcos Cadórniga e Carlos Aján están acusados, xunto a un sindicalista de CCOO que tamén formaba parte do piquete na xornada de paro, dun delito contra a liberdade dos traballadores/as.

Distribuir contido