Urbaser

Os traballadores/as de Urbaser-Vilalba reivindican a recuperación no novo convenio dos dereitos sociais e salariais perdidos

O persoal realizou un paro e unha concentración para denunciar a postura totalmente intransixente da empresa na negociación
23/4/15.
Os traballadores e traballadoras de Urbaser en Vilalba iniciaron este xoves mobilizacións para esixir á empresa (que ten a concesión do servizo de limpeza e recollida de lixo deste municipio) o desbloqueo das negociacións para o novo convenio colectivo. O persoal secundou un paro laboral de unha hora e unha concentración ás portas da Casa do Concello de Vilalba, que repetirán o vindeiro día 29.

Paros e mobilizacións contra o bloqueo da negociación do convenio do persoal de Urbaser-Vilalba

As protestas terán lugar os días 23 e 29 de abril, de 12:30 a 13:30 horas, diante da Casa do Concello
22/4/15.
A CIG, que conta co 100 % da representación do persoal, ten convocados par os días 23 e 29 de abril, paros parciais e mobilizacións en Urbaser (que realiza servizos de limpeza e recollida do lixo no Concello de Vilalba) en rexeitamento ao bloqueo por parte da empresa da negociación do novo convenio colectivo para o ano 2015.

Urbaser boicotea a saída ao conflito na propia mesa de negociación

A xuntanza mantida o martes rematou sen acordo, mais ambas partes están citadas novamente para a tarde deste mércores
06/8/14.
Na tarde do martes tiña lugar unha nova xuntanza da mesa de negociación entre Urbaser e Comité que rematou sen acordo. Durante a negociación, a empresa amosou unha posición de máximos, coa clara intencionalidade “unha vez máis de boicotear a saída ao conflito na propia mesa”. Ambas partes quedaron novamente citadas para a tarde deste mércores, xornada na que tamén estaba previsto que se celebrase o xuízo pola demanda presentada polo Comité de Folga contra a empresa por vulneración do dereito de folga, que finalmente quedou adiado ao solicitarse a ampliación da demanda.

Persoal de Urbaser pide ao alcalde negociar servizos mínimos respectuosos co dereito á folga

Este luns tiveron lugar os actos de conciliación polo despedimento dos membros do Comité de Folga
04/8/14.
Logo de que a xustiza suspendera o abusivo decreto de servizos mínimos imposto pola alcaldía de Lugo para a folga do lixo, o Comité rexistraba este luns un escrito solicitando unha reunión urxente con López Orozco para negociar a elaboración dun novo decreto que “conxugue o dereito fundamental do exercicio da folga co mantemento dos servizos esenciais”. Ademais, esta mañá tamén tiveron lugar os actos de conciliación polo despedimento dos membros do Comité de Folga que, como era de agardar, remataron sen avinza.

Persoal de Urbaser acorda cumprir os servizos mínimos malia consideralos ilegais

Este xoves, ás 11:00 horas, reunirase novamente a mesa de negociación convocada polo Consello Galego de Relacións Laborais
23/7/14.
Os traballadores e traballadoras de Urbaser acordaron este mércores en asemblea, por unanimidade, cumprir os servizos mínimos determinados polo Goberno Municipal de Orozco. A súa decisión vén motivada pola excepcionalidade do decreto, que vencella directamente os mesmos a cuestións de risco sanitario. Malia isto consideran que se trata dun decreto absolutamente abusivo e ilegal e os servizos xurídicos xa traballan no recurso contencioso-administivo que presentarán no xulgado.

Orozco avala a vulneración do dereito de folga decretando 100% de servizos mínimos con persoal contratado por Urbaser

Deu orde de desaloxar aos traballadores e traballadoras do Salón de Actos do concello de Lugo, mesmo co uso da forza
22/7/14.
O persoal de Urbaser, en folga indefinida desde hai xa 44 días, irrompeu esta mañá na casa do concello de Lugo coincindo coa celebración dunha rolda de prensa do alcalde e do concelleiro de Medio Ambiente da cidade. No decurso da mesma, Orozco anunciou a promulgación dun novo de decreto no que se recollen uns servizos mínimos do 100%, co que se avala a conculcación do dereito fundamental á folga dos traballadores/as. Ao seu remate o propio alcalde deu orde de desaloxar ao persoal de Urbaser do concello mesmo recorrendo á forza se fose preciso.

Persoal de Urbaser de Lugo rexeita por unanimidade a proposta que mantén sancións ao comité de folga

Presenta unha alternativa que contempla ademais a cobertura do 100% das vacantes co persoal en precario de fin de semana
21/7/14.
O persoal de Urbaser acordou en asemblea, por unanimidade, rexeitar a proposta presentada polo mediador, o presidente do Consello Galego de Relacións Laborais, Demetrio Fernández, ao se manteren as sancións para o comité de folga. A proposta tampouco contempla a cobertura do 100% das vacantes co persoal en precario, que traballa tan só 13 horas á semana, en sábados, domingos e festivos, nin modificacións na xornada do persoal que traballa de luns a domingo, cando o resto ten xornadas de luns a sábado.

Así o anunciou en rolda de prensa na tarde-noite deste domingo Carme Antas, representante da CIG-Servizos, quen asegurou que “non imos permitir que a dirección de Urbaser, por moi poderosa que sexa a nivel económico, lle poña o pé no pescozo a ningún traballador ou traballadora”. Unha afirmación que provocou que todo o cadro de persoal, presente na rolda de prensa, rompera en aplausos, a berros de “Todos somos un”, demostrando así a súa absoluta unanimidade.

O Concello de Lugo acorda intervir a concesión do servizo de recollida de lixo a Urbaser

A CIG agarda que esta decisión obrigue á empresa a retomar as negociacións
11/7/14.
O concello de Lugo vén de comunicar aos representantes dos traballadores/as de Urbaser de Lugo a súa decisión de intervir a concesión. Segundo informa Antonio Niño, secretario comarcal da CIG de Lugo, que participou na xuntanza que se acaba de celebrar co alcalde, o concello dálle á empresa un prazo de 48 horas para resolver a situación, do contrario perdería a concesión.

Urbaser impide o acordo e o remate da folga de recollida de lixo en Lugo

Persoal e secretarios comarcais da CIG, UGT e USO acompañaron ao comité de folga para manifestar a súa unidade
11/7/14.
Tras máis de seis horas de negociación e malia as e os traballadores aceptar, no groso, a proposta presentada polo mediador, non foi posíbel chegar a un acordo. Urbaser negouse a aceptar dúas cuestións fundamentais: a readmisión do persoal despedido e a retirada das sancións, que intentou separar do resto do conflito. Unha negativa que provocou a ruptura das negociacións e que a folga de recollida de lixo en Lugo continúe. Así o explicaron, na rolda de prensa convocada para as dez e media da noite deste xoves, as/os representantes do comité de folga, que compareceron acompañados polos secretarios comarcais da CIG, UGT e USO e o cadro de persoal en pleno.

Inspección acredita que Urbaser desprazou traballadores doutros centros para substituír folguistas

Celebrouse unha nova concentración diante do concello, tras dunha asemblea na que se analizou como segue a situación
08/7/14.
A Inspección de Traballo de Lugo entregou esta mañá a acta emitida tras da denuncia presentada polas traballadoras e traballadores de Urbaser. Na mesma acredítase, por unha banda, que se detectou a presenza de traballadores do centro de traballo de Lugo, o que demostra que si saían os traballadores/as de Urbaser Lugo a recoller os puntos de emerxencia sanitaria. Pola outra, constata a presenza de traballadores doutros centros para substituír os folguistas e levanta acta de infracción contra a empresa por non o considerar xustificado durante a situación de folga legal dos traballadores do centro de traballo de Lugo.

Distribuir contido