limpeza

Asinado o convenio da limpeza do Hospital da Costa

Hospital da Costa de Burela, concentración do persoal de limpeza
25/11/11.
O convenio da limpeza do Hospital da Costa de Burela asinouse o 24 de novembro logo dun longo proceso de negociación, iniciado en marzo de 2010, que incluso levou consigo mobilizacións dos traballadores e traballadoras. O acordo, que foi referendado polo cadro de persoal reunido en asemblea, contempla, a partir do 1 de xaneiro de 2013, a equiparación da xornada co Grupo E do Sergas, tal e como acontece no resto de centros hospitalarios do país. Como paso previo a esta homologación, as partes decidiron reducir parcialmente a xornada en 2012 a través de días libres que a empresa plasmará nos cuadrantes.

Proseguen as protestas dos empregados da recollida do lixo de Vigo contra a perda de postos

20111117_protestas_dos_traballadores_do_lixo_de_vigo.jpg
18/11/11.
Persoal de diferentes concesionarias do Concello de Vigo sumouse ás mobilizacións dos traballadores da recollida do lixo e da limpeza viaria contra os plans que prevén a perda de 180 postos neste servizo. Delegados e delegadas en Linorsa e Cespa participaron o 17 de novembro na concentración diante do consistorio que organizou o persoal de FCC.

O persoal da recollida do lixo de Vigo mobilizarase contra o despedimento de 180 compañeiros

Despedimentos na recollida do lixo en Vigo
10/11/11.
O comité de empresa de Fomento de Construcciones y Contratas (FCC), concesionaria da limpeza e recollida do lixo de Vigo, anunciou o inicio de mobilizacións para rexeitar os plans municipais que contemplan o despedimento de 180 compañeiros e o empeoramento das condicións de traballo. Responsábeis do Concello trasladáronlles aos representantes dos empregados tres plans de reestruturación do servizo para que se decanten por un e comece a aplicarse en 2012.

Comezan as mobilizacións diarias da limpeza do Hospital de Burela

20111003_limpeza_hospital_burela.jpg
03/10/11.
O persoal da limpeza do Hospital de Burela comezou o 3 de outubro as mobilizacións diarias para lle reclamar á concesionaria a equiparación co Grupo E do Sergas e que retome a negociación do convenio. A asemblea de traballadoras e traballadores, reunida o 27 de setembro, decidiu prolongar as protestas até que Samyl S.L. se comprometa, en firme e por escrito, a cumprir as demandas do cadro de persoal. A empresa, de non asinar o acordo coa parte social, enfrontarase a diferentes medidas de presión.

A limpeza do Hospital de Burela concentrarase a diario para esixir o cumprimento dos acordos

protesta_limpeza_hospital_de_burela.jpg
29/9/11.
As traballadoras e traballadores da limpeza do Hospital da Costa de Burela concentraranse a diario, a partir do 3 de outubro, para esixirlle á concesionaria, SAMYL, que cumpra o acordado coa parte social con respecto á equiparación co Grupo E do SERGAS e retome a negociación do convenio, cuxa vixencia expirou en 2006. As protestas desenvolveranse ás 10:45 horas no recibidor do centro.

Levantan acta de infracción a Linorsa por contratar unha empregada para substituír as operarias en folga

Limpadoras de Linorsa ás portas da Casa Consistorial de Vigo
09/9/11.
CIG-Servizos de Vigo revelou que a Inspección de Traballo levantou unha acta por infracción moi grave contra a concesionaria da limpeza dos colexios públicos da cidade. Linorsa contratou unha empregada para suplir as operarias que permanecían en folga. Ademais, as mobilizacións a prol da readmisión das 12 compañeiras despedidas han continuar nos vindeiros días.

Linorsa despide máis traballadoras da limpeza dos colexios vigueses

Protesta no pleno municipal de Vigo das traballadoras da limpeza dos colexios públicos
02/9/11.
CIG-Servizos de Vigo denuncia o despedimento por parte de Linorsa, concesionaria da limpeza dos colexios públicos da cidade, de máis operarias que secundaron a folga desenvolvida o curso pasado para reclamar a ampliación das horas de traballo. O comité de empresa e a Federación estarán presentes no pleno municipal do 5 de setembro para protestar contra este atentado contra os dereitos fundamentais.

Linorsa despide unha delegada do comité da limpeza dos colexios públicos vigueses

Rolda de prensa sobre o despedimento en Linorsa
02/8/11.
Linorsa despediu unha delegada do comité do centro de traballo da limpeza dos colexios públicos de Vigo, nun caso claro de persecución sindical e de conculcación de dereitos fundamentais. A compañeira represaliada participou de maneira activa na folga desenvolvida para reclamar a ampliación da xornada. A Federación anuncia mobilizacións e insta o Concello a que medie coa empresa para conseguir a readmisión.

O sindicato renova a maioría na recollida do lixo e limpeza viaria de Vigo

FCC logo
29/3/11.
CIG-Servizos revalidou a súa maioría no comité de Fomento de Construcciones y Contratas, empresa concesionaria do servizo de recollida do lixo e da limpeza viaria de Vigo. A central nacionalista obtivo 8 delegados, mentres que CC.OO conseguiu 4, o mesmo número de representantes que USO. Unha lista independente fíxose co único delegado que había en xogo no colexio de técnicos.

A limpeza do Hospital de Burela mobilízase para reclamar a sinatura do novo convenio

Hospital da Costa de Burela, concentración do persoal de limpeza
28/2/11.
As traballadoras e traballadores do servizo de limpeza no Hospital da Costa de Burela concentráronse o 24 e febreiro por espazo de media hora no vestíbulo do centro para lle reclamar á concesionaria, Samyl S.L., que o novo convenio colectivo os equipare en xornada co Grupo E do SERGAS. O persoal pretende acadar unha equiparación total (a salarial xa se conseguiu) tal e como ocorre no resto de centros hospitalarios do país.

Distribuir contido