negociación colectiva

Case medio milleiro de traballadores acode ás asembleas do Comercio de Alimentación coruñés

asemblea_com_alim_corunha_20091004.JPG
06/10/09.
As asembleas de persoal do Comercio de Alimentación celebradas na noitiña do 5 de outubro na Coruña, Compostela e Ferrol lograron congregar, entre as tres, preto de 500 empregados do sector. Os sindicatos convocantes informaron do bloqueo da negociación do convenio provincial.

CIG-Servizos animou os traballadores a se mobilizar para plantarlle cara a unha patronal arrogante que propón mesmo a baixada de salarios.

Unhas 200 persoas concéntranse diante dun xeriátrico Mapfre para reclamar un convenio digno no sector

01/10/09.
Traballadores das residencias privadas da Terceira Idade e delegados e delegadas da CIG e de CCOO iniciaron na mañá do 1 de outubro en Compostela as mobilizacións a prol dun convenio digno e con dereitos para un sector que ocupa máis de 5.000 persoas no noso país.

O persoal, maioritariamente feminino e cuns salarios que se aproximan aos 800 euros, acordou iniciar protestas logo da ruptura da mesa de negociacións, o pasado 17 de setembro, ante a postura intransixente da patronal e as pretensións de recortar os dereitos dos traballadores/as.

Convocadas asembleas do Comercio de Alimentación en Ferrol, na Coruña e Compostela

Concentración nun GADIS de Betanzos en 2007
30/9/09.
O 5 de outubro os traballadores e traballadoras do Comercio de Alimentación da provincia da Coruña están convocados a asembleas en Compostela, Ferrol e na cidade herculina para debater acerca da situación da negociación do convenio, bloqueada por mor das propostas regresivas dos empresarios.

Benestar debe implicarse no conflito dos xeriátricos pois o 80% das prazas son concertadas

20090929_rp_residencias.jpg
30/9/09.
CIG-Servizos e CC.OO solicitaranlle unha entrevista á conselleira de Traballo e Benestar co obxectivo de que este departamento autonómico interveña no conflito derivado da ruptura da negociación do convenio de Residencias Privadas da Terceira Idade.

O 80% das prazas ofertadas son concertadas. Ademais, a Xunta participa na empresa de capital mixto SOGASERSO, rede de servizos sociais na que están integrados numerosos xeriátricos.

CIG-Servizos presenta a súa propia plataforma de convenio para a Seguridade privada

P1490044_grande.jpg
24/9/09.
Mantense o contubernio de UGT e USO coa patronal da Seguridade privada. Ambas centrais non lles entregaron unha copia da súa proposta de convenio aos outros dous sindicatos presentes na mesa (CIG-Servizos e CC.OO). Este feito manifesta abertamente a intención de UGT e USO de pactar un texto cos empresarios ocultándolles información aos traballadores. CIG-Servizos, pola súa banda, presentou a súa propia plataforma de convenio.

UGT e USO avalan a proposta da patronal da Seguridade privada, que non inclúe melloras salariais

seguridade_privada_protesta.jpg
18/9/09.
Semella que as negociacións do convenio estatal de Seguridade privada están a seguir un guión preestabelecido pola patronal e mailas centrais UGT e USO, responsábeis da quebra da unidade de acción.

Ambos sindicatos seguen considerando “un avance” a proposta dos empresarios en materia salarial, argumentando con mentiras que non só mantén o poder adquisitivo senón que o incrementa "ao ser unha suba de 0´15% sobre o IPC".

200 persoas acoden en Vigo á asemblea de persoal do Comercio de Alimentación pontevedrés

asemblea_vigo_com_ali_pont_20090917.jpg
18/9/09.
200 persoas asistiron á asemblea do persoal do Comercio de Alimentación da provincia de Pontevedra celebrada en Vigo na noitiña do 17 de setembro, convocada polos sindicatos CIG, UGT, CC.OO, FETICO e USO en relación co estancamento da negociación do convenio.

Os representantes dos e das traballadoras informaron os asistentes das intencións dos empresarios de ofertar un incremento salarial do 1% para o 2009, un convenio con catro anos de vixencia, conxelar a antigüidade, eliminar as baixas ao 100%, así como suprimir a compensación e absorción.

Racha a mesa negociadora do convenio de Residencias Privadas da Terceira Idade

18/9/09.
A postura intransixente e as propostas involucionistas da patronal en materia salarial e de dereitos dos traballadores e traballadoras ocasionaron que a parte social rachase a mesa de negociación do convenio galego de Residencias Privadas da Terceira Idade.

A patronal empantana a negociación do Comercio de Alimentación pontevedrés

11/9/09.
Os empresarios teiman en ofrecer unha proposta regresiva fundamentada nun incremento salarial do 1% para o ano 2009, un convenio con catro anos de vixencia, conxelar a antigüidade, eliminar as baixas ao 100%, así como suprimir a compensación e absorción.

Coa intención de estudar que tipo de respostas se poden dar para plantar cara a este desafío patronal, o persoal do sector foi convocado polos sindicatos CIG, UGT, CCOO, FETICO e USO a unha asemblea que se ha celebrar en Vigo o 17 de setembro no salón dos Salesianos (rúa Venezuela), a partir das 22:00 horas.

O convenio de Grandes Almacéns hipoteca até 2012 o poder adquisitivo do persoal

12/8/09.
CIG-Servizos fai unha valoración negativa do convenio de Grandes Almacéns, rubricado o pasado 5 de agosto entre a patronal ANGED e os sindicatos amarelos FETICO e FASGA no máis absoluto escurantismo e coa exclusión da central nacionalista da mesa negociadora.

Distribuir contido