CC.OO e UGT asinan un preacordo no comercio téxtil pontevedrés sen o referendar as asembleas

29/7/10.CC.OO e UGT asinaron un preacordo no convenio provincial do comercio téxtil de Pontevedra que non foi sometido a votación nas asembleas, que incumpre a plataforma sindical e que non satisfai os obxectivos marcados trala folga do 1 de xullo. CIG-Servizos entende que as dúas centrais españolas pactaron coa patronal un convenio á baixa e de maneira precipitada. Esta traizón bota por terra os intereses das traballadoras e traballadores dun sector que soubo reivindicar os seus dereitos coa realización dunha folga exemplar.

CIG-Servizos non asinou o preacordo, ademais dos motivos anteriores, por non garantir o mantemento do poder adquisitivo do persoal. O incremento porcentual pactado entre os sindicatos españois e a patronal só representa 12 euros en 2009 e 19 para este ano, moi lonxe dos 30 euros lineais demandados nun primeiro momento.

A promoción profesional non terá carácter retroactivo e só será efectiva desde a sinatura do convenio. A central nacionalista tamén rexeita que non se equiparen categorías e que tampouco se contemple unha remuneración especial para aquelas traballadoras que, a miúdo, realizan funcións de categorías superiores.