CC.OO e UGT rubrican un preacordo no comercio de alimentación coruñés sen consultalo cos traballadores

04/12/09.CC.OO e UGT asinaron coa patronal, o 4 de decembro, un preacordo sobre o convenio do comercio de alimentación da provincia da Coruña que desconvoca a folga do día 9 e que ignora as necesidades do persoal dos almacéns e oficinas. Ambas centrais rubricaron o texto sen consultalo previamente cos traballadores/as. O 10 de decembro o preacordo será sometido a votación en asembleas na Coruña, Compostela e Ferrol.

En ausencia da USO, os empresarios apoiáronse en CC.OO e UGT para evitar seguir cedendo ante as reivindicacións da CIG.

O acordo acadado sería impensábel sen folga, pero o traballo quedou a medias, ao asinárense unhas condicións inferiores ás de Pontevedra e que aumentan a diferenza con esa provincia.

Resumimos as condicións preacordadas, pendentes de sinatura final:

-          VIXENCIA: 3 anos (2009, 2010 e 2011).

-          SUBA SALARIAL: 28€ lineais para toda as categorías cada ano.

-          Dependentes/as e caixeiros/as cobrarán un plus aos tres anos de antigüidade nesa categoría de 21€, (para chegar a caixeira, hai que pasar 3 anos de auxiliar de caixa, cousa moi difícil no Grupo GADISA; os repoñedores, para o mesmo, 9 anos, situación imposíbel).

-          O salario de promoción da categoría de Mozo pasa de 17’37 a 21€.

-          CLÁUSULA DE REVISIÓN SALARIAL: IPC + 0% aos 3 anos.

-          O descanso para xornadas superiores a 6 horas aumenta de 15 a 20 minutos.

-          A mobilidade xeográfica restrínxese aos concellos limítrofes.

-          Aumento a 18 días da licenza por lactación.

-          Ampliación do dereito de redución de xornada por coidado de fillos de até 10 anos.

-          As xornadas de traballo que non superen as 4 horas serán continuadas.

-          Licenza retribuída para renovar permisos de residencia.

A suba salarial significa que no ano 2010 o persoal vai cobrar, como mínimo, 840€ máis dos que tiña pensado a empresa conceder. Sen a loita e o esforzo de todos os traballadores/as que secundaron a folga, hoxe estaríamos falando dun convenio que repetiría as mesmas condicións salariais que o existente.

CIG-Servizos someterá este preacordo a votación en asembleas que se celebrarán o próximo 10 de decembro.