CIG-Servizos aposta por dinamizar as negociacións do convenio de xeriátricos

28/3/10.CIG-Servizos e CC.OO manifestaron a súa disposición a dinamizar a negociación do convenio de xeriátricos co estabelecemento dun calendario de reunións semanais até a segunda quincena de maio. As mobilizacións impulsadas por ambos sindicatos contribuíron a que a patronal incrementase a súa oferta salarial na última xuntanza da comisión negociadora, o 29 de marzo. Os empresarios pasaron de defender unha suba do 0´3% a propor agora aumentos de entre o 3 e 5%.

Porén, aínda quedan diversos atrancos na negociación. A patronal teima en non incorporar melloras e en eliminar do convenio galego aquelas cláusulas de equiparación coas condicións máis beneficiosas do estatal.

CIG-Servizos manifesta que está disposta a retomar as negociacións sempre que se dean as seguintes circunstancias:

1º.- Estabelecemento dun calendario de negociacións até a segunda quincena de maio cunha xuntanza semanal como mínimo.

2º.- Inclusión de melloras no convenio. A estes efectos, CIG-Servizos ratifícase na plataforma entregada conxuntamente con CC.OO.

3º.- Compromiso irrenunciábel de manter a garantía de equiparación coas condicións máis beneficiosas do convenio estatal, tal como recollen o artigo 5º e a Disposición Adicional 4º do texto galego.

A patronal, pola súa parte, solicitou un prazo de 15 días para estudar as pretensións da parte social.

AdxuntoTamaño
Panfleto_residencias_10.pdf33.47 KB