O persoal do Comercio volve tomar a rúa para esixir o cumprimento do pactado

Manifestación Comercio na Corunha 1 20090426
Máis de medio cento de traballadoras e traballadores do Comercio vario provincial saíron ás rúas coruñesas o 26 de abril para denunciar o incumprimento por parte da patronal do preacordo atinxido en decembro de ano pasado sobre o convenio colectivo.
28/4/09.

A marcha partiu da praza de Pontevedra e percorreu as principais rúas comerciais da Coruña: San Andrés, Torreiro, rúa Real e Obelisco. A chuvia intensa que caeu ao longo da manifestación non impediu que a mobilización se desenvolvese nun ambiente fortemente reivindicativo.

O conflito do Comercio vario da provincia coruñesa reabriuse a comezos do presente ano como consecuencia da negativa da patronal a ratificar as subas salariais que foran pactadas no preacordo atinxido en decembro de 2008, isto é, un incremento do 5% en 2008 e do 3,25% en 2009, 2010 e no primeiro semestre de 2011.

"Os soldos por xornadas completas son de 800 euros, pero moitos dos traballadores non están contratados a tempo completo, co cal gañan entre 400 e 500 euros por xornadas atroces, con cambios seguidos de quendas e, aínda por riba, con soldos conxelados desde 2007", indica Roberto Pérez Vila, responsábel do Comercio da CIG da Coruña.

De non mudar a situación, o persoal convocará novas xornadas de folga.