Atinxido un acordo no convenio do Comercio vario coruñés
O preacordo de decembro estipulaba que o incremento salarial sería do IPC previsto (que é do 2% tal como defende a parte social e avalan diferentes sentenzas xudiciais), ademais dun 1´25% a maiores. A patronal desdíxose do asinado amparándose na falacia de que non existe IPC previsto. Para chegar ao presente acordo foi necesaria a mediación da Autoridade laboral, que arbitrou unha medida salomónica ao estimar o IPC previsto no 1%. Finalmente, a suba salarial ficou no 2´25% (1 + 1´25%). A CIG reclamará xudicialmente este incremento en canto o convenio sexa publicado.
O grupo Inditex, pola súa banda, xa aplica nas súas empresas a suba do IPC previsto do 2%. Esta circunstancia evidencia unha vez máis que alí onde existe un importante traballo sindical a patronal desiste na súa obstinación.
Puntos principais do acordo
VIXENCIA: 2008, 2009, 2010 e o primeiro semestre de 2011.
XORNADA ANUAL: 1.796 horas en 2009, 1.792 en 2010 e 1.790 en 2011.
DOMINGOS E FESTIVOS: voluntarios. Complemento de 20 euros/día. (Ao ser voluntarios convértense en horas extras e, no caso de traballalas, á parte do complemento dos 20 euros, deberase cobrar un incremento do 75%, ben sexa en cartos ou en tempo de compensación).
PERSOAL A TEMPO PARCIAL:
- 75% de incremento no pagamento das horas complementarias avisadas con menos de 7 días de antelación. A empresa ten que ter un rexistro de cando comunica a realización destas horas.
- Preferencia de aumento de horas fronte a nova contratación. A empresa ten que informar das vacantes ao persoal que está na empresa.
- Xornada continua para o persoal con menos de 30 horas á semana en centros de apertura continuada. Nos que pechen a mediodía, a xornada continua será obrigatoria nos contratos inferiores a 24 horas semanais.
LICENZAS RETRIBUÍDAS:
- 1 día máis por voda (17 días).
- 1 día por falecemento de familiar de terceiro grao.
XUBILACIÓN: Os traballadores/as poderán acollerse voluntariamente á xubilación parcial e flexíbel a partir dos 61 anos.
SEGUROS: Aumento do seguro por morte ou invalidez: 28.000 euros en 2009 e de 30.000 euros nos seguintes anos.
CONDICIÓNS ECONÓMICAS: Suba en todos os conceptos:
- 5% para o 2008
- IPC previsto máis 1´25% o resto dos anos
- Cláusula de revisión con carácter retroactivo de IPC real máis 1´25% a final de cada ano.
PROMOCIÓN PROFESIONAL: Os/as axudantes de dependente ou os/as mozos/as pasarán automaticamente aos dous anos á categoría de dependente e mozo/a especializado. Esta promoción farase efectiva a partir de xaneiro de 2010.
24 E 25 DE DECEMBRO: As horas que se traballen a partir das 16:00 horas destes días terán un incremento de 10 euros/hora.
ACUMULACIÓN DO PERMISO DE LACTACIÓN POR DÍAS COMPLETOS.
PROTOCOLO CONTRA O ACOSO MORAL E SEXUAL
COMPROMISO DE ADECUAR AS CATEGORÍAS E A CLASIFICACIÓN PROFESIONAL Á REALIDADE DO SECTOR ANTES DE QUE REMATE 2009.