Supermercados DIA ameaza con despedir traballadoras por ir nas listas da CIG
Diferentes mandos da empresa, moitos deles xefes de zona, ameazan sistematicamente as empregadas. En definitiva, advírtenas que, de non presentar a súa renuncia, se van “meter en problemas”.
Os niveis de intimidación da empresa non teñen límite. Responsábeis de Supermercados DIA ordenaron investigar a vida privada de candidatas e mesmo dos seus círculos familiares para comprobar se algún parente traballa en DIA e, por tanto, facer extensiva a represión sindical a eles.
A CIG-Servizos considera gravísimos estes feitos, que constitúen un caso flagrante de conculcación dos dereitos fundamentais das traballadoras e unha clara vulneración da liberdade sindical. A CIG-Servizos tamén quere censurar a complicidade amosada polo sindicato FETICO que, en todo momento, deu cobertura a represión da empresa contra as candidatas da central nacionalista.




