Multiauto bota dous traballadores por promoveren eleccións na empresa

DSC01738_grande.jpg
Novo caso de represión sindical. A empresa Multiauto vén de despedir dous traballadores en Compostela que pretendían emprenderen eleccións sindicais na empresa. Delegados e delegadas da CIG-Servizos manifestaron o seu rexeitamento a este desplante patronal por medio dunha concentración o 14 de xullo diante das instalacións que Leaseplan, principal cliente de Multiauto, posúe no Polígono do Tambre.
14/7/09.

A CIG-Servizos quere denunciar a represión sindical que están a padecer os traballadores e traballadoras de Multiauto Santiago, empresa dedicada ao transporte dos automóbiles de alugueiro da compañía Leaseplan por toda a xeografía do Estado español.

Multiauto despediu dous empregados logo de que estes intentasen levar adiante o proceso de eleccións sindicais na empresa e reivindicar unhas condicións de traballo dignas.

Ausencia de dereitos laborais básicos

Os traballadores/as teñen que realizar xornadas excesivas, de 12 ou 14 horas continuadas, onde só paran para xantar, cos perigos que isto supón para a saúde e a seguridade nun traballo que require pasar tantas horas ao volante.

Multiauto Santiago tan só paga 10 euros en dietas aos traballadores/as por conduciren os automóbiles de Leaseplan dunha punta á outra do Estado.

O persoal, asemade, ten que ofrecer dispoñibilidade absoluta ao estar localizábel as 24 horas do día sen cobrar ningún plus por este concepto. Os empregados tampouco gozan do descanso mínimo semanal nin entre xornadas, co perigo que supón nun traballo destas características.