As negociacións do Convenio de Grandes Almacéns desenvólvense no máis absoluto escurantismo

A patronal do sector dos Grandes Almacéns e as centrais FETICO, FASGA, CC.OO e UGT están a desenvolver no máis absoluto escurantismo as negociacións do convenio, de ámbito estatal. A CIG e o sindicato vasco LAB non foron avisadas para participar nas últimas xuntanzas, malia teren pleno dereito tendo en conta a súa representatividade no sector.
05/8/09.

A CIG-Servizos entende que a súa exclusión da mesa negociadora se debe ao seu carácter combativo e insubornábel porque non consente que se aprobe outro convenio lixo que permita que os traballadores e traballadoras do sector sigan a percibir menos de 1000 euros mensuais.

A Federación de Servizos da CIG ten constancia de que se celebraron varias xuntanzas sen que esta fose avisada (as do 29 e 30 de xullo). Para o día 5 de agosto había programada outra, mais a CIG-Servizos foi comunicada con escasa marxe de tempo para poder acudir a esta cita.

O que fica suficientemente claro é que a patronal, en plena conivencia cos sindicatos FASGA, FETICO, CC.OO e UGT, non quere que a CIG estea presente na mesa de negociación para poder seguir empeorando as condicións laborais e sociais do persoal dos Grandes Almacéns. Por tanto, os empresarios continuarán a empobrecer aspectos como a xornada, a regulación dos períodos de vacacións, os contratos ou os salarios.

AdxuntoTamaño
Panfleto_alcampo_convenio_2009.pdf17.57 KB