Asinado o Convenio de Grandes Almacéns coa exclusión da CIG da mesa negociadora

Confirmáronse os peores augurios. O convenio de Grandes Almacéns foi asinado o 5 de agosto en Madrid entre os sindicatos FASGA e FETICO e mais a patronal ANGED. A CIG-Servizos non puido acudir á cita dado que foi comunicada tarde de xeito completamente intencionado.
07/8/09.

A Federación de Servizos da CIG decatouse da sinatura do convenio a través duns panfletos da autoría dos sindicatos FASGA  e FETICO, redactados ambos nun ton eufórico e vitorioso. Do que se desprende deses panfletos é que a vixencia do convenio vai ser de catro anos (2009, 2010, 2011 e 2012). 

O escurantismo e a falta de información caracterizaron a negociación do convenio de Grandes Almacéns, de ámbito estatal. A CIG-Servizos, en sintonía coa nota de prensa publicada anteriormente nesta web, vincula a súa exclusión das últimas xuntanzas da mesa negociadora coa pretensión das centrais amarelas e da patronal de eliminar calquera elemento molesto que cuestione o statu quo das relacións laborais do sector dos Grandes Almacéns. 

A CIG-Servizos seguirá a informar acerca deste tema aos traballadores e traballadoras.