O convenio de Grandes Almacéns hipoteca até 2012 o poder adquisitivo do persoal
De seguido, a CIG-Servizos expón unha análise crítica dos principais puntos do convenio:
- Vixencia:
Desde o ano 2009 até o 2012: Ao asinar un convenio tan longo, non se garante o poder adquisitivo do persoal.
- Incremento salarial:
Ano 2009: 2% (por debaixo da media de convenios asinados)
Anos 2010, 2011 e 2012, incrementarase a media entre o IPC previsto e o real, é dicir, non se frea a perda do poder adquisitivo. Estas subas están baseadas nas fórmulas que dependen da evolución do consumo. Os traballadores e traballadoras nunca van gañar máis do 1%. E, aínda por riba, non hai cláusula de revisión salarial en caso de que a inflación medre e haxa que pagar a diferenza con carácter retroactivo.
- Distribución da xornada:
As empresas poderana modificar de xeito irregular. Amañarán os horarios nos Comités Intercentros, co cal os empregados e empregadas non gozarán dos descansos como eles desexen senón como pretendan os patróns.
- Baixas por Incapacidade Temporal:
O persoal perde o dereito a ter as baixas ao 100%. Só se respectarán a primeira do ano e, para iso, as empresas só a aboarán ao remate do mesmo para comprobar cantas baixas tiveron os traballadores e traballadoras. Despois, as segundas baixas en adiante xa non se aboarán ao 100%. Esta circunstancia bota por terra os acordos acadados en centros de traballo.
- Modificación de condicións de traballo:
As partes asinantes do convenio acordaron a posibilidade de modificar condicións de traballo sen ter que abrir un expediente.
CIG-Servizos non asinou o convenio anterior porque non estaba de acordo coa suba nin con outros aspectos, como, por exemplo, o incremento do 2´3 % en 2008, cando daquela aínda non había crise. No convenio actual, a patronal e o sindicatos amarelos asinan unha suba do 2%. Por tanto, todos eles volven a dar outro golpe aos traballadores e traballadoras, que non poderán percibir 1.000 euros mensuais en moito tempo.
| Adxunto | Tamaño |
|---|---|
| Panfleto_grandes_almacens_convenio_2009.pdf | 21.38 KB |
| Panfleto_grandes_almacens_2_convenio_2009.pdf | 108.13 KB |



