Limpezas Ames leva dous meses sen pagar a seis empregadas

Roberto Alonso, secretario comarcal da CIG-Servizos de Compostela
Limpezas Ames leva dous meses sen pagar os salarios a seis empregadas. Sobre esta subcontrata, encargada de realizar os labores de limpeza de diversas dependencias municipais e do colexio e gardería de Ames, pesa un embargo da Axencia Tributaria e da Seguridade Social derivado da mala xestión económica.
19/8/09.

A empresa escúdase nun suposto impago do Concello para non terlle aboado as nóminas de xuño e xullo ás traballadoras. Porén, o Goberno local negou este extremo a representantes da CIG-Servizos e asegurou que as cantidades adebedadas ao persoal son consecuencia do embargo da empresa, na que traballan nove persoas.

Roberto Alonso, secretario comarcal da CIG-Servizos compostelá, sinalou en conferencia de prensa que seis traballadoras -todas elas afiliadas ao sindicato- non cobraron os soldos dos dous últimos meses. Semella que coa nómina de agosto ocorrerá o mesmo. CIG-Servizos recorda que a situación actual xa se vivira hai dous anos, cando Limpeza Ames permanecera tres meses sen pagar ao persoal.

Revisión da concesión

Alonso reclamou que o Concello revise a concesión, que se renova en setembro. “Sería unha tomadura de pelo que Limpezas Ames continuase co servizo recibindo diñeiro público malia a súa mala xestión".

"Non se poden dar casos de empresas que cobran do Concello e logo non pagan as súas empregadas", engadiu Alonso. O secretario comarcal advertiu que, se en agosto a subcontrata continúa co impago de salarios, a CIG-Servizos emprenderá medidas de presión, entre as que se baralla unha folga en setembro.