A CIG reclama novamente o cesamento da directora xeral de Colocación da Xunta

A directora xeral de Colocación e Formación da Xunta, Ana María Díaz, acumula varias demandas por impago de salarios, ademais dunha condena en firme polo despedimento improcedente dunha muller que durante seis meses traballou para ela sen contrato e alta na Seguridade Social.
20/8/09.

Francisco Cartelle, membro da CIG-Servizos e secretario confederal de Coordinación de Campañas, reclamou novamente o cesamento da directora xeral de Colocación e Formación e criticou a Xunta por amparar Ana María Díaz con escusas e argumento falsos.

Ana María Díaz foi tamén demandada no Servizo de Mediación, Arbitraxe e Conciliación (SMAC) da propia Consellaría de Traballo por impago de salarios a dúas traballadoras. A directora xeral non compareceu á cita neste organismo prevista para o 12 de agosto en Ferrol, aspecto de extrema gravidade, pois a demandada eludiu a obrigatoriedade que a Lei estabelece respecto á asistencia a dito acto.

CIG-Servizos entende que unha directora xeral que adebeda salarios a unha traballadora non é, evidentemente, a persoa máis indicada para ostentar un cargo nunha consellaría cuxo cometido é velar polo cumprimento da Lexislación laboral que ela mesmo infrinxiu. Quen poida defender esta actuación non merece tampouco garantía ningunha.