O persoal das auxiliares de SOGAMA desmente que se negase a manipular residuos sanitarios

O Comité Interempresas do Complexo Medioambiental de SOGAMA saíu ao paso dunhas declaracións do conselleiro de Medio Ambiente nas que culpa os traballadores do posíbel peche do Sigre, planta de xestión e procesamento de residuos sanitario-farmacéuticos, polo suposto “reparo” do persoal a tratar estes materiais. Os representantes dos empregados emitiron un comunicado de prensa negando este e outros extremos.
26/8/09.

CIG-Servizos entende que as diferentes liortas políticas non deben interferir en temas tan importantes como o mantemento de postos de traballo no Sigre, planta que leva en funcionamento desde hai anos. A Federación de Servizos da CIG insta a Consellaría de Medio Ambiente, SOGAMA e Danigal S.A., empresa concesionaria do Sigre, a que tomen medidas que garantan o mantemento desta planta, que dá emprego directo a 25 persoas, onde o 90% son mulleres.

De seguido reproducimos o comunicado de prensa emitido polos representantes dos traballadores: 

COMUNICADO DE PRENSA DO COMITÉ INTEREMPRESAS DO COMPLEXO MEDIOAMBIENTAL DE SOGAMA

Os Representantes dos Traballadores do Complexo Medioambiental de Sogama vémonos na obriga de saír por primeira vez a manifestarnos publicamente ante as declaracións aparecidas nos medios de comunicación, nos que o Sr. Conselleiro de Medio Ambiente  culpa os comités das  empresas que operan no  complexo medioambiental de Cerceda ( SOGAMA) do posible peche da planta do Sigre por oporse ao procesamento dos residuos sanitarios e farmacéuticos procedentes desta instalación. En reunión mantida no día de onte pola totalidade dos Representantes dos Traballadores, acordamos pór de manifesto o seguinte:

1. Mostrar o noso total desacordo e rexeitamento das declaracións realizadas polo Sr. Conselleiro de Medio Ambiente sobre a valorización enerxética dos residuos sanitarios-farmacéuticos  procedentes da Planta do Sigre e o reparo respecto a súa manipulación e xestión por parte dos traballadores.

Os membros dos Comités de Empresa do Complexo Medioambiental de Cerceda queren recordarlle ao Sr. Hernández, conselleiro de Medio Ambiente, que a dirección de Sogama depende da Consellería e en ningún caso foron os traballadores os que tomaron ningunha decisión con relación ás actividades ordinarias ou extraordinarias do Complexo e moito menos coa posible eliminación de postos de traballo.

2. Queremos manifestar tamén que se realizou unha “proba” coa queima de 400 Tm de fármacos sen consulta,  información e participación dos Representantes dos Traballadores, tendo como resultado, deixando de lado outras consideracións tales como seguridade e saúde dos traballadores así como os posibles problemas medio ambientais, a paralización da Planta Termoeléctrica (Caldeiras) derivada da queima destes residuos.

3. Saúdamos que o Sr. Conselleiro queira normalizar as relacións laborais no Complexo Medioambiental, algo que os traballadores vimos demandando dende fai case un ano coa sinatura do III Convenio Colectivo, do cal Sogama e garante do seu cumprimento. Nembargante, despois das reunións mantidas polos Representantes dos Traballadores coa Presidencia e dirección de Sogama para intentar normalizar a aplicación do III Convenio Colectivo por parte de tódalas empresas que prestan os seus servizos no Complexo Medioambiental de Cerceda, non acadamos compromiso por parte da mesma en canto a tal normalización e aplicación, alegando a Presidencia  que son problemas entre as empresas e os seus traballadores sen lugar a implicación e participación da propia Sogama a pesar de ser a responsable última de tales cuestións.

Por isto os Representantes dos traballadores acordamos solicitar unha reunión co Sr. Conselleiro de Medio Ambiente D. Agustín Hernández a celebrar no transcurso do presente mes co fin de tratar e consensuar  tódolos temas que lle preocupan tanto o Sr. Conselleiro como os propios traballadores: funcionamento da planta, mantemento de postos de traballo, actividades a desenvolver, aplicación de Convenio  Colectivo e demais lexislación laboral, en especial aquela en relación coa Seguridade, Saúde e Prevención de riscos.

Morzós, Encrobas a 25 de agosto de 2009

Os Delegados de Persoal do CMC