Editado un caderno co convenio do Comercio vario da provincia da Coruña

capa_caderno_comercio_vario_corunha_08_11.jpg
CIG-Servizos vén de editar un caderno co convenio do Comercio vario da provincia da Coruña dos anos 2008-2011, que ademais contén as táboas salariais, información laboral básica e contactos cos locais nacional e comarcais da Federación. O caderno ha ser repartido nos vindeiros días entre as traballadoras e traballadores do sector.
02/9/09.

Despois de máis dun ano de negociacións e mobilizacións, folga incluída, as traballadoras e os traballadores do comercio da provincia da Coruña conseguimos un triunfo ao asinar un convenio que marca un punto de inflexión nas maneiras de negociar e nas conquistas sociais e salariais acadadas. Grazas ao esforzo e á demostración de dignidade que fixo a maioría dos traballadores conseguimos arrincarlle á unha patronal durísima un convenio digno. 

A suba salarial inicial superior ao 7’25% (cun posible punto a maiores que decidirán os tribunais), a redución da xornada anual, o inicio do pagamento de complementos por traballa-los festivos e domingos (ademais de deixar clarísimo que son voluntarios), o comezo da regulación de xornada para os contratos a tempo parcial, o recargo para horas complementarias non avisadas con antelación suficiente, o compromiso de adaptación da clasificación profesional á realidade do sector e outras melloras conseguidas converten este convenio no primeiro dunha serie que agardamos poida sacar aos traballadores de comercio da provincia da Coruña da terceira división da clase obreira. 

Pero hai máis motivos para a esperanza. As asembleas, os panfletos, as mobilizacións, a participación de moitos traballadores… foron as que provocaron un convenio distinto e, grazas a participación de milleiros (si, varios miles participaron nas folgas, asembleas e reunións) de compañeiros e compañeiras, a negociación achegouse ao persoal que sofre tódolos días as precarias condicións laborais do comercio, que os patróns soñan con eternizar.

A CIG liderou en todo momento este novo movemento que espalla a conciencia de clase entre as obreiras e os obreiros do comercio coruñés, compostelán, ferrolán… Desde a CIG estamos convencidos de que, sen conciencia de clase, sen solidariedade obreira, sen participación directa dos traballadores, non se melloran as condicións laborais.

Queda moito por facer. Agora vai haber que pelexar para que se aplique correctamente este convenio. A CIG sempre vai estar aí para axudarvos e apoiarvos. Non permitades ningún abuso nin afrouxéde-la capacidade reivindicativa que fixemos agromar entre todas, non caiades na trampa de sacrificarse pola empresa coa escusa dun “compañeirismo” que só beneficia ao patrón que, por suposto, non vai repartir nunca os beneficios connosco. Nunca o esquezamos, compañeiras, eles son o capital, nós a clase obreira e o compañeirismo que produce beneficios é o da asociación para defender colectivamente os nosos dereitos e aumentalos paulatinamente. Aí é onde a CIG sempre destacará: organización, solidariedade, loita sen medo ao patrón, conciencia de clase… Ese é o noso compañeirismo.

 

ADIANTE COA CIG NO COMERCIO!!!