CIG-Servizos solidarízase co Sindicato Andaluz de Trabajadores pola detención de dez militantes

malleira_sat_andalucia.jpg
A Federación de Servizos da CIG quere trasladarlle a súa solidariedade ao Sindicato Andaluz de Trabajadores (SAT) pola detención de dez sindicalistas, entre eles o seu secretario nacional, no decurso dunhas protestas contra a crise e o paro desenvolvidas en Sevilla o 6 de setembro.
07/9/09.

600 activistas do SAT ocuparon por sorpresa o 6 de setembro as instalacións de Canal Sur e a estación de trens de Santa Justa da capital hispalense para protestar pola falta de medidas gobernativas para atallar as consecuencias da crise capitalista que padece a clase traballadora. Nos desaloxos, as Forzas de Seguridade do Estado golpearon sen contemplacións os activistas, entre os que se atopaban persoas de idade avanzada. Decenas de persoas resultaron mancadas nas cargas policiais.

O acontecido en Sevilla evidencia máis unha vez a verdadeira faciana represora do Estado español e dos seus corpos policiais, encargados de reprimir con saña os sectores máis avanzados e combativos da poboación, nomeadamente o proletariado e os sindicatos de clase. 

Desde a CIG-Servizos animamos os compañeiros e compañeiras do SAT a non cesar na súa loita exemplar contra as miserias do capitalismo por moito que os corpos represivos do Estado español mallen neles. O Sindicato Andaluz de Trabajadores, onde está integrado o histórico Sindicato de Obreros del Campo (SOC), representa un exemplo de loita, coherencia e honestidade para o proletariado e as organizacións obreiras do Estado español e do mundo enteiro. 

VIVA A LOITA DA CLASE OBREIRA!

VIVA ANDALUCÍA CEIBE E SOCIALISTA!

Consulta aquí a noticia sobre estes feitos na web do SAT