Os bombeiros dos parques comarcais esixen un servizo público e de calidade

P1490430_grande.jpg
Os bombeiros dos parques comarcais de Galiza reiteran o seu rexeitamento á política de xestión privada e precaria do servizo de emerxencias.
09/9/09.

O colectivo defende un sistema público xestionado directamente pola administración, que recoñeza os seus dereitos laborais, homoxeneice as condicións de traballo dos distintos consorcios e permita un servizo que responda aos estándares de calidade da normativa europea.

Os bombeiros comarcais acudiron o pasado 4 de setembro a unha asemblea convocada en Compostela na que analizaron a actual situación do servizo de emerxencias, logo de que a Xunta de Galiza amosase a súa intención de dar continuidade á política de xestión privada e precaria deste servizo. Os traballadores advirten que tomarán as medidas que sexan oportunas para acadar un servizo público e de calidade. Aínda que non descartan retomar as mobilizacións desenvolvidas durante os pasados meses, tamén indican que tentarán abrir unha vía de diálogo co Goberno galego para trasladarlle as súas reivindicacións.

MANIFESTO SINDICAL POR UN SERVIZO PÚBLICO GALEGO DE PREVENCIÓN, EXTINCIÓN DE INCENDIOS E SALVAMENTO 

As autoridades da Xunta, no momento de definir o modelo de xestión de emerxencias de Galicia no ámbito da Lei 5/2007, deseñaron un modelo baseado nas agrupacións de voluntarios de protección civil e na constitución de consorcios provinciais, apostando claramente pola concesión dos servizos a empresas privadas, en contra da opinión unánime dos profesionais do sector e mesmo en contra dos compromisos que tiñan adquiridos no seu programa electoral. 

No seu momento, os profesionais do sector manifestámonos unanimemente en contra do modelo deseñado na Lei e defendemos o establecemento dun Servizo Público Galego de Prevención, Extinción de Incendios e Salvamento, convencidos de que só dende unha organización profesional que integre e coordine as actuacións en todo o territorio se pode ofrecer á cidadanía un servizo eficaz fronte a situacións de emerxencia.

Á día de hoxe, dos consorcios provinciais deseñados na Lei de Emerxencias só o consorcio provincial da Coruña está en funcionamento e o de Lugo ven de constituírse mediante decreto do 5 de febreiro pasado e a nova Xunta do PP xa o quere desmantelar, pois apostaba por unha xestión pública e de calidade e iso parece que non é necesario en Galicia. Mentres do consorcio de Ourense non se ten coñecemento. No que atinxe aos servizos dependentes do consorcio provincial da Coruña, os parques están concesionados con empresas privadas mediante contratos en precario, con estruturas inconexas e cunha evidente falta de medios materiais e humanos, este mesmo modelo é o que se anuncia para a Provincia de Pontevedra, e dicir Consorcio privado e xestión do persoal en mans dunha empresa privada.

Resulta preocupante que a seguridade dos cidadáns, que debe ser considerada como un servizo público esencial, se converta nun negocio lucrativo en mans de empresas privadas nas que, por riba dos criterios de eficacia que deben rexer no funcionamento dos servizos públicos, prima sempre o principio do beneficio económico sobre o que están creadas.

Ademais, dende a entrada en vigor da Lei 5/2007, de Emerxencias de Galicia, a Xunta de Galicia non ten desenvolvido ningún plan director destes servizos, ao que obriga a propia Lei na súa Disposición Adicional Terceira:

"Servizos de prevención, extinción de incendios e de salvamento:

2. A Xunta de Galicia procederá, no prazo de seis meses dende a súa posta en funcionamento, á elaboración dun plan director dos servizos contra incendios e de salvamento que definirá o modelo de reordenación territorial e a estrutura operativa dos mesmos".

Os feitos acontecidos nas últimas datas e a resposta dada dende as distintas administracións públicas ás situacións de emerxencia declaradas en datas pasadas veu a poñer de manifesto que o modelo deseñado polas autoridades autonómicas foi un auténtico fracaso.

As carencias denunciadas traen como consecuencia que os distintos servizos de prevención, extinción de incendios e de salvamento veñan actuando sen criterios estables e protocolarizados, e faltos de calquera tipo de coordinación territorial e operativa, sendo a improvisación o común denominador a todo tipo de actuacións. 

Por sorte, estas carencias véñense suplindo coa profesionalidade e boa vontade dos membros dos propios servizos, que coa súa dedicación están a evitar que o sistema de emerxencias se converta nun auténtico caos.

Estas son algunhas das mostras dun sistema de emerxencias deficitario, precario e ineficaz:

- Cadros de persoal escasísimos que incumpren calquera estandar de seguridade e calidade mínimos na Unión Europea, tan só para aforrar os cartos que logo levan as empresas para os seus petos, evidentemente sen negún risco de inversión pois todo é con diñeiro público.

- Aforro sistemático de cartos (non se fan) nas revisións a instalacións escolares, centros de saúde e outros lugares extratéxicos dos concellos susceptibles de emerxencias e nos que non existe protocolo organizado de actuación, entre outras razóns tampouco se sabe quen ten o mando en caso de intervención, o xefe da empresa? o alcalde? o GRUMIR? Protección Civil?, os Bombeiros?.

- Non hai formación reglada nos parques, a formación e renovación de coñecementos é algo fundamental na nosa profesión e temos que facela cada un pola súa conta e dos nosos cartos, moitas veces mendigando cursiños e sempre de forma individual, o que supón que nunca fas cursos conxuntos cos teus compañeiros de traballo.

- Salarios miserables, debido a que as empresas usurpan una grande porcentaxe do que lles correspondería os traballadores, e condicións laborais absolutamente lamentables.

- Déficit absoluto en material e equipamento, tanto persoal como colectivo- Aforro de gasoil ata o último céntimo o que repercute en non poder recorrer os pobos para ver as entradas e saídas, puntos de abastecementos de auga e.t.c- Aforro absoluto de calquera material que non sexa auga nas intervencións (véxase extintores, espumóxenos), pois senón a empresa non gaña tantos cartos.

- Descordinación máis absoluta entre os diferentes actores das emerxencias: Garda Civil, 061, Protección Civil, 112...

- Compra de vehículos e material sen ningún criterio lóxico, só atendendo a criterios especulativos, sen consultar en ningún caso ao persoal que vai traballar con eles.- Aforro sistemático de material nas practicas diarias (extintores, espumóxenos, gasoil...)non se poden usar!

Polo exposto, os profesionais dos servizos de emerxencias declaramos o fracaso absoluto do modelo de atención ás situacións de emerxencia definido na actual Lei de Emerxencias de Galicia, e esiximos dos poderes públicos constituídos tralas eleccións do 1 de marzo do 2009 un xiro de 180º nesta materia.

Seguimos apostando pola constitución dun Servizo Público de Galego de Prevención, Extinción de Incendios e Salvamento, xestionado directamente pola Xunta de Galicia, estruturado e organizado territorialmente por comarcas, definindo os medios materiais e humanos de acordo cos ratios de poboación e axustado os seus criterios de intervención aos plans directores e protocolos de intervención.

Santiago de Compostela, 4 de setembro de 2009