As traballadoras de Limpezas Ames están convocadas á folga indefinida a partir do 14 de setembro

20090911_folga_limpezas_ames.jpg
As empregadas de Limpezas Ames, concesionaria do servizo de limpeza de dependencias municipais e de centros educativos deste concello compostelán, irán á folga indefinida a partir do 14 de setembro. A medida de protesta só rematará no momento en que as traballadoras cobren os salarios dos últimos tres meses.
11/9/09.

CIG-Servizos considera que os servizos mínimos decretados polo Goberno municipal de Ames son excesivos e censura a precipitación coa que este os ditou, mesmo antes de que o comité de folga e a empresa se chegasen a reunir para tratalos.

Por outra banda, resulta inadmisíbel que o Concello mantivese a concesión a Limpezas Ames durante os últimos dous anos cando en 2006 as traballadoras padeceran unha situación idéntica ao estaren ser percibir os seus salarios durante tres meses. 

A nova concesionaria recorta horas

O Concello hai escasos días que lle adxudicou a concesión do servizo de limpeza dos centros educativos á empresa Servicios Auxiliares de Mantenimiento y Limpieza, S.L. (SAMYL) nun convenio que ascende aos 200.000 euros cunha vixencia de dous anos. A nova concesionaria reduciu en 20 horas o tempo destinado á limpeza no colexio Bispo Guerra, malia o incremento do alumnado e á ampliación das instalacións.

Roberto Alonso, secretario comarcal da CIG-Servizos compostelá, estimou que, de acordo coa contía da nova concesión, SAMYL debería destinar uns 2.000 euros brutos por cada traballadora contratada a tempo completo, polo que instou o Goberno local a que estea alerta para que este punto se materialice.