Pecha a cafetaría do persoal do CHUAC por decisión da concesionaria

20090915_cafeteria_chuac_01.jpg
CIG-Servizos quere trasladar o seu apoio os 22 empregados da cafetería do persoal do CHUAC (Complexo Hospitalario Universitario da Coruña), pertencentes á empresa adxudicataria Serunión S.A., tralo peche do centro de traballo decretado por esta como consecuencia da finalización da concesión.
15/9/09.

A central nacionalista repróchalle a Serunión que non lle comunicase esta medida nin ao representante dos traballadores nin á Xunta de Persoal do CHUAC, dado que os traballadores do SERGAS son outra das partes damnificadas neste conflito ao seren privados dunha das zonas de descanso do centro hospitalario coruñés. 

Este peche fai perigar o mantemento de 22 postos, ocupados na maior parte por persoas que levan por volta de 30 anos prestando os seus servizos na cafetería do persoal do CHUAC. O litixio aberto entre Serunión e a Xerencia do Hospital sobre a posibilidade ou non de prorrogar a concesión (ambas partes acúsanse mutuamente do peche) non é desculpa para ameazar a continuidade dos 22 postos de traballo.

Os traballadores de Serunión, apoiados por persoal do SERGAS e de contratas do servizo de limpeza, están a protagonizar actos de protesta diarios para reclamar a reapertura da cafetaría. O 15 de setembro manifestáronse nos exteriores do CHUAC, mobilización que contou coa participación solidaria de delegados da CIG-Saúde.

Atopáronse coa porta pechada

O peche da cafetaría produciuse o pasado 11 de setembro cando os empregados, ao chegar a traballar, se atoparon coa porta pechada e un aviso da empresa concesionaria que indicaba que, ao ter rematado a concesión do SERGAS sen terse concursado a renovación, Serunión cesaba o servizo.