Persoal de SEAGA insiste en se reunir co conselleiro de Medio Rural
O persoal de SEAGA, apoiado pola CIG-Servizos, retomou os actos de protesta o 17 de setembro. Catro activistas do sindicato despregaron dúas faixas alusivas ao conflito nunha terraza do complexo administrativo da Xunta en San Caetano. Ao cabo de vinte minutos, un axente da policía española e un garda de seguridade privada cominaron os sindicalistas a que rematasen a acción. Os catro activistas foron finalmente identificados.
No exterior do recinto, a presidenta do Comité de SEAGA na Coruña, María Rodinho, acompañada por compañeiros e compañeiras, informou os medios da interposición de máis de 30 denuncias contra a empresa por despedimentos ilegais, cesións ilegais e despedimentos nulos (nos casos dos delegados/as de persoal). De todas estas denuncias a CIG-Servizos xa gañou cinco.
Rodinho aclarou que as demandas son de persoal cuxo contrato foi rescindido por fin de obra (a pesar de non ter rematado o labor para a que foran contratados/as e existir unha relación laboral de máis de 24 meses). Inexplicabelmente estas persoas volveron ser contratadas dentro do operativo de incendios, a maioría en categorías inferiores.
As protestas proseguirán
“Imos seguir adiante coas protestas”, anunciou Rodinho. “Non sabemos se a Xunta vai desmantelar a empresa ou que intencións ten a respecto das 2.100 persoas que forman parte agora mesmo do operativo contra incendios, operativo que remata en menos de 15 días”. Do único que teñen constancia os operarios/as é do traslado de obra que estaba asignada a SEAGA á empresa Tragsa
Neste senso, os traballadores e as traballadoras de SEAGA na Coruña reclamaron ao conselleiro do Medio Rural que atenda a solicitude de reunión trasladada o pasado mes de xullo, e para a que aínda non obtiveron resposta. “Non sabemos nada, xa estamos fartos e, a partir de agora, ou nos recibe ou nos recibe”, aseverou a presidenta do Comité.
Preme para ver a galería fotográfica
Preme para ver o vídeo da acción que figura na web confederal





