200 persoas acoden en Vigo á asemblea de persoal do Comercio de Alimentación pontevedrés

asemblea_vigo_com_ali_pont_20090917.jpg
200 persoas asistiron á asemblea do persoal do Comercio de Alimentación da provincia de Pontevedra celebrada en Vigo na noitiña do 17 de setembro, convocada polos sindicatos CIG, UGT, CC.OO, FETICO e USO en relación co estancamento da negociación do convenio.
18/9/09.

Os representantes dos e das traballadoras informaron os asistentes das intencións dos empresarios de ofertar un incremento salarial do 1% para o 2009, un convenio con catro anos de vixencia, conxelar a antigüidade, eliminar as baixas ao 100%, así como suprimir a compensación e absorción.

Os sindicatos recordaron na asemblea que a parte social defende unha suba de 60 euros lineais, así como a inclusión de cláusulas que regulen a contratación, a formación e que introduzan melloras nas licenzas. No tocante á vixencia, os sindicatos defenden que sexa de dous anos.

Os e as traballadoras do sector residentes na comarca de Pontevedra están convocados a outra asemblea prevista para o 21 de setembro, ás 22:00 horas, no salón de actos do local sindical, na rúa Pasantería,1 da capital do Lérez.