O persoal dos xeriátricos privados mobilizarase contra a perda de dereitos
UGT, que nun primeiro momento secundara a ruptura das negociacións acordada polo conxunto dos sindicatos, argumenta agora que as demandas de CIG-Servizos e CC.OO son “desproporcionadas”. O cambio de actitude da UGT non sorprendeu as demais centrais, pois aquel sindicato sempre estivo máis próximo ás posicións da patronal que ás dos traballadores e traballadoras. UGT nunca defendeu incorporar ao convenio galego as melloras recollidas no estatal, sempre estivo en contra de realizar asembleas informativas ou de se mobilizar.
Mentres, a patronal pretende aumentar a eventualidade para cubrir as excedencias (en troques de contratos de interinidade), aplicar un incremento salarial exiguo dun 0´5% como máximo, impedir a asistencia do persoal aos exames médicos da sanidade pública, denegar o crédito horario sindical a un membro da mesa negociadora do convenio, cambiar o cobro da antigüidade e, en definitiva, cometer unha morea de abusos.
Aumenta o volume de negocio
O sector de servizos privados sanitarios, segundo datos do Instituto Galego de Estatística, é o único que aumenta o seu PIB, ao pasar dun incremento en 2008 do 5,6% ao 5,9% no segundo trimestre de 2009. Do mesmo xeito, incrementase a ocupación (asalariados) nun 0,6%, cando o resto de sectores perde asalariados ocupados. Isto é, o volume de negocio nos servizos privados sanitarios sobe anualmente case un 6%, ao igual que a contratación. Os datos, por conseguinte, desmenten as argumentacións dos empresarios dos xeriátricos, que se escudan nunha crise que non os afecta para conxelar os salarios.
CIG-Servizos e CC.OO van pór en coñecemento da Consellaría de Traballo e Benestar a situación existente no sector das residencias privadas e instarana a que faga cumprir estritamente a normativa autonómica en materia de ratios e condicións hixiénico-sanitarias dos centros.
Consulta as actas das negociacións
| Adxunto | Tamaño |
|---|---|
| panfleto_residencias_3.pdf | 27.72 KB |




