FASGA e FETICO asinan a modificación de horarios en El Corte Inglés
O sindicato nacionalista informará do acontecido o persoal doutras empresas afectadas polo convenio de Grandes Almacéns (Alcampo, Carrefour e Leroy Merlin) en previsión de que nelas tamén se modifiquen os horarios.
A pretensión empresarial de trocar os horarios é consecuencia do último convenio de Grandes Almacéns, asinado recentemente e que mingua considerabelmente as condicións laborais e salariais do persoal. Dito texto permite a posibilidade de realizar xornadas de 9 horas, ás que se engade outra de descanso que non computa como tempo traballado. Isto implica que os empregados poden estar 10 horas no centro de traballo.
Porén, o cambio de horarios aínda non entrou en vigor en El Corte Inglés xa que falta que o aproben os comités de cada centro de traballo. Resulta imprescindíbel que os empregados exhorten os seus representantes a que rexeiten esta modificación substancial das condicións de traballo.
CIG-Servizos anima o persoal a que se mobilice para evitar a mingua dos seus dereitos. A central nacionalista tamén aporta outras respostas:
- A recollida de sinaturas para forzar o comité a que non acepte a imposición da empresa. O comité podería interpor un conflito colectivo. En caso contrario, forzar a revogación ou dimisión do órgano de representación dos traballadores na empresa.
- Baixa inmediata como afiliado/a dos sindicatos da empresa.
- Demandas individuais en masa contra a modificación de horarios (nos 20 días hábiles seguintes á modificación).
Adxúntanse panfletos destinados aos traballadores de El Corte Inglés, Alcampo e Leroy Merlin, ademais das actas do Comité Intercentros de El Corte Inglés onde FETICO e FASGA avalaron o cambio de horarios.
| Adxunto | Tamaño |
|---|---|
| eci_FIRMA_horarios.pdf | 27.71 KB |
| alcampo_HORARIO.pdf | 23.12 KB |
| LEROY_MERLIN__HORARIO.pdf | 23.71 KB |
| Acta_Ci_empresa_040909-1.pdf | 719.45 KB |
| eci_acta_ci_art-41_230909.pdf | 1.26 MB |



