Reabre a cafetaría do persoal do CHUAC logo de tres semanas de protestas

Chocolatada no CHUAC 1
A cafetaría do persoal do Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (CHUAC) vén de retomar a súa actividade logo de permanecer tres semanas pechada por un conflito entre a concesionaria, Serunión, e a xerencia do hospital herculino.
30/9/09.

Tras máis de catro horas de xuntanza, a xerencia do CHUAC e Serunión chegaron a un entendemento o 28 de setembro. O acordo atinxido contempla que a concesión do servizo se prorrogará durante un ano, período durante o que a dirección do hospital convocará un novo concurso.

O conflito solucionouse logo de tres semanas de concentracións e manifestacións continuas do cadro de persoal, conformado por 22 persoas, que estiveron apoiadas en todo momento por empregados do SERGAS e do servizo de limpeza do centro hospitalario coruñés.

O último acto de protesta realizouse horas antes de que se alcanzase o acordo. Consistiu nun almorzo gratuíto que dispensaron os traballadores da cafetaría ao persoal do hospital como mostra de agradecemento polo apoio recibido.