Convocadas asembleas do Comercio de Alimentación en Ferrol, na Coruña e Compostela

Concentración nun GADIS de Betanzos en 2007
O 5 de outubro os traballadores e traballadoras do Comercio de Alimentación da provincia da Coruña están convocados a asembleas en Compostela, Ferrol e na cidade herculina para debater acerca da situación da negociación do convenio, bloqueada por mor das propostas regresivas dos empresarios.
30/9/09.

A patronal, encabezada por Gadis e Froiz, propón empeorar as condicións dos e das traballadoras do sector. Na súa oferta, os empresarios esquécense novamente da regulación da xornada, das categorías ou dos horarios. Tampouco fan mención aos novos complementos que retribúan traballos especiais.

Os catro sindicatos presentes na mesa de negociación (CIG, CCOO, USO e UGT) rexeitan a oferta empresarial presentada na última xuntanza entre as partes e que se fundamenta nos seguintes puntos: 

  1. Convenio de catro anos (2009-2012)
  2. Aumentar a 30 días por ano a indemnización en caso de extinción de contrato por non aceptar un traslado (agora son 25).
  3. Rebaixa do prezo das horas extras en domingos e festivos ao 100% (actualmente é dun 175%).
  4. Vacacións: os empresarios pretenden rebaixar o que está marcando actualmente a xurisprudencia europea pois propoñen que só se recuperen en caso de coincidir con accidentes laborais.
  5. Suba salarial: 1% todos os anos, excepto en 2012, que sería do 1´5%, axustándose a fin de ano ao IPC real. Isto é, a patronal só ofrece o IPC real, podendo este ser negativo coa conseguinte baixada dos salarios.
  6. Suba da axuda escolar de 60´22 a 66 euros anuais.
  7. Aparente suba da nocturnidade dun 20% a un 25%. Mais a patronal pon como condición para percibila que se traballe, polo menos, un terzo da xornada anual en horario nocturno. En caso contrario, non se cobraría nada.

O Comercio de Alimentación é un dos poucos sectores que, malia a crise, segue a medrar. A CIG-Servizos anima os traballadores e traballadoras a plantarlle cara á patronal para evitar que os siga espremendo.  

HORARIOS E LUGARES DAS ASEMBLEAS:

  • A Coruña: 22.15 horas (Salón de actos do Edificio Sindical, avenida de Alfonso Molina, s/n).
  • Ferrol: 22.15 horas (local de CC.OO).
  • Compostela: 22.30 horas (Hotel Peregrino, Avda. Rosalía de Castro s/n).

Preme para consultar as actas da comisión negociadora do convenio