Os comités de SEAGA instan os traballadores a que denuncien en masa a empresa
Os representantes dos comités instaron os compañeiros a denunciar o carácter improcedente dos despedimentos. Canto maior sexa o número de demandas (os brigadistas aproxímanse aos 1.900), máis presión se exercerá sobre a Consellaría de Medio Rural para lle esixir estabilidade para o cadro de persoal.
As sentenzas ditadas até a data son favorábeis aos traballadores. Gañáronse a improcedencia de despedimentos e a nulidade no caso de delegados de persoal. A Xustiza tamén concluíu que en SEAGA hai cesión ilegal de traballadores en casos de persoal administrativo que presta os seus servizos en oficinas da Xunta.
Manifestación en Compostela
Uns 200 traballadores de SEAGA acudiron a unha asemblea de persoal na praza da Quintana, en Compostela, o 1 de outubro. Unha vez concluída, marcharon en manifestación até San Caetano, onde se concentraron diante da Consellaría de Medio Rural. Os representantes do persoal insisten en se reunir co titular deste departamento autonómico.





