Unhas 200 persoas concéntranse diante dun xeriátrico Mapfre para reclamar un convenio digno no sector
O persoal, maioritariamente feminino e cuns salarios que se aproximan aos 800 euros, acordou iniciar protestas logo da ruptura da mesa de negociacións, o pasado 17 de setembro, ante a postura intransixente da patronal e as pretensións de recortar os dereitos dos traballadores/as.
Baixo as consignas “Menos viño e máis salario” e “Menos imposición, máis negociación”, unhas 200 persoas participaron na concentración convocada o 1 de outubro por CIG-Servizos e CCOO diante da residencia da Terceira Idade que Mapfre posúe en San Lázaro (Compostela). O persoal do sector escolleu este lugar para iniciar as protestas ao celebrarse nesa xornada a festa-aniversario do centro, á que estaban convidadas varias autoridades políticas.
Dende a CIG-Servizos critícase a posición intransixente da patronal nas negociacións, que pretende impor unha serie de recortes de dereitos ademais dunha suba salarial dun 0´50% como máximo, o que vén a significar un incremento duns 5 euros ao mes, nun sector cuxos salarios medios non superan os 800 euros.



