Case medio milleiro de traballadores acode ás asembleas do Comercio de Alimentación coruñés

asemblea_com_alim_corunha_20091004.JPG
As asembleas de persoal do Comercio de Alimentación celebradas na noitiña do 5 de outubro na Coruña, Compostela e Ferrol lograron congregar, entre as tres, preto de 500 empregados do sector. Os sindicatos convocantes informaron do bloqueo da negociación do convenio provincial.
06/10/09.

CIG-Servizos animou os traballadores a se mobilizar para plantarlle cara a unha patronal arrogante que propón mesmo a baixada de salarios. Roberto Pérez Vila, responsábel do sindicato no Comercio coruñés, apelou a realizar accións conxuntas cos traballadores do Comercio de Alimentación da provincia de Pontevedra, onde tamén están a negociar o convenio coa mesma patronal, composta principalmente por GADISA e FROIZ. 

Pérez Vila lembrou que o Comercio de Alimentación é un dos poucos sectores que non se ve afectado pola crise. É máis, indicou que grandes grupos do sector como GADISA están a abrir continuamente novos estabelecementos.

De seguido enumeramos os puntos da última proposta da patronal, cualificada como un insulto pola parte social:

  1. Convenio de catro anos (2009-2012)
  2. Aumentar a 30 días por ano a indemnización en caso de extinción de contrato por non aceptar un traslado (agora son 25).
  3. Rebaixa do prezo das horas extras en domingos e festivos ao 100% (actualmente é dun 175%).
  4. Vacacións: os empresarios pretenden rebaixar o que está marcando actualmente a xurisprudencia europea pois propoñen que só se recuperen en caso de coincidir con accidentes laborais.
  5. Suba salarial: 1% todos os anos, excepto en 2012, que sería do 1´5%, axustándose a fin de ano ao IPC real. Isto é, a patronal só ofrece o IPC real, podendo este ser negativo coa conseguinte baixada dos salarios.
  6. Suba da axuda escolar de 60´22 a 66 euros anuais.
  7. Aparente suba da nocturnidade dun 20% a un 25%. Mais a patronal pon como condición para percibila que se traballe, polo menos, un terzo da xornada anual en horario nocturno. En caso contrario, non se cobraría nada.