O persoal de Limanfer mobilizarase se a empresa segue a incumprir o convenio

O comité de empresa de Limanfer S.L. e a CIG-Servizos, sindicato maioritario, denuncian o incumprimento continuo por parte da compañía do convenio de Limpeza de Edificios e Locais da provincia da Coruña. O cadro de persoal mobilizarase de non mudar a situación.
13/10/09.

A empresa incumpre coa súa obriga de aboar o salario nos catro primeiros días do mes. Ademais, Limanfer non facilita uniformes de traballo ás empregadas. O comité e CIG-Servizos tamén detectaron irregularidades na vixilancia da saúde laboral.

A compañía, coa intención de xustificar os seus incumprimentos, escúdase continuamente nun pacto laboral, rexeitado en asemblea de traballadoras, que asinara co comité anterior. Por outra banda, Limanfer está a derivar carga de traballo a autónomas dependentes, medida que está a precarizar a situación das empregadas da compañía, ao sufriren recortes constantes de xornada. Limanfer tamén se nega a computar como tempo de traballo o desprazamento das empregadas entre os estabelecementos que se encontran dentro dunha mesma superficie comercial.

O cadro de persoal de Limanfer ascende a 180 traballadoras, das cales ao redor de 70 prestan os seus servizos en Ferrol e comarca.