CIG-Servizos expresa a súa máis absoluta repulsa pola detención do sindicalista vasco Rafa Díez

Rafa Díez, en Compostela durante a presentación dun libro editado por FESGA e LAB (20080118)
CIG-Servizos amosa o seu rexeitamento total ante a detención do histórico sindicalista vasco Rafa Díez Usabiaga, prendido pola policía española por orde do xuíz Baltasar Garzón xunto a nove persoas máis o 13 de outubro. A Federación de Servizos da CIG considera gravísima tamén a irrupción de forzas policiais na sede donostiarra da central LAB, da que Díez foi secretario xeral e na que militan varias das persoas detidas.
14/10/09.

As detencións de Díez e do resto de militantes da esquerda independentista vasca representan unha nova mostra da falta de vontade do Estado español e das súas diversas estruturas (política, xudicial e policial) para atopar unha saída pacífica, democrática e dialogada ao conflito vasco. 

CIG-Servizos, na liña do manifestado no seu momento pola Confederación Intersindical Galega, é contraria á Lei de Partidos e a súa posta en práctica coa ilegalización de Batasuna e do resto de organizacións políticas da esquerda abertzale. As medidas represivas contra un sector importante da sociedade de Euskal Herria obstaculizan seriamente a consecución da paz e constitúen unha violación flagrante dos dereitos individuais e colectivos máis básicos que se presupoñen nunha democracia. 

CIG-Servizos quere trasladar a súa solidariedade a Rafa Díez, sindicalista histórico da central LAB, coa que a nosa Federación mantén unhas relacións excelentes desde hai moitos anos. A mensaxe solidaria da CIG-Servizos tamén se fai extensiva ao conxunto do sindicato LAB e a toda a súa militancia ante feitos tan graves como o asalto da súa sede en Donostia.