Traballadores da seguridade privada do centro comercial de Narón convocan unha nova folga

O persoal de seguridade do centro comercial de Narón terá que se mobilizar máis unha vez debido a que a empresa Syser non lle pagou o salario de setembro. Entre as medidas de presión encóntrase unha nova convocatoria de folga.
19/10/09.

As protestas repetiranse pois os traballadores/as sufriron unha situación idéntica o mes pasado cando aínda non percibiran a paga extraordinaria de xullo nin a mensualidade de agosto. 

As e os traballadores realizaron a primeira mobilización o 21 de setembro coincidindo cunha reunión entre a xerencia do centro e os comerciantes. Posteriormente, convocárase unha folga que debería ter comezado o 25 de setembro, mais finalmente Syser aboou os salarios e os paros foron suspendidos. 

CIG-Servizos e mailo persoal intentaron por todos os medios dialogar coa empresa para que pagase as cantidades adebedadas, mais non foi posíbel conseguilo. 

CIG-Servizos de Ferrol realiza un chamamento á xerencia do centro comercial para que tome en serio os problemas que padecen os vixilantes, pois a central nacionalista xa a advertira de que os impagamentos de Syser se ían repetir nos meses sucesivos. 

A xerencia debe anticiparse aos problemas e resolver a situación coa contrata da seguridade do centro comercial para que non só prexudique os e as vixilantes, senón tamén ao resto de traballadores e traballadoras da superficie, a clientela e aos comerciantes.