Celta Prix despide un bombeiro do Morrazo que se significou na loita polo convenio

Celta Prix, concesionaria do Parque Comarcal de Bombeiros do Morrazo, despediu un traballador que se significou na loita polo convenio, ademais de ser un dos máis activos contra a privatización da xestión do futuro Consorcio Provincial. O 22 de outubro está prevista unha concentración ás 12:00 horas diante da Deputación de Pontevedra para esixir a súa readmisión.
21/10/09.

O 50% dos fondos do Consorcio Comarcal de Bombeiros do Morrazo, presidido polo vicepresidente da Deputación, José Enrique Sotelo, proceden da institución provincial pontevedresa. 

Os bombeiros da provincia e de toda Galiza amosaron o seu rexeitamento ante este despedimento e xa comezaron a moverse. Iniciaron unha recollida de sinaturas, primeiro no propio Parque Comarcal do Morrazo e logo nos demais parques de Galiza. 

Celta Prix xestiona este os demais parques comarcais que existen na provincia pontevedresa agás o de Silleda, que é totalmente público. Esta empresa é unha mostra do que significa a xestión privada dun servizo público: desde a escaseza de material nos parques á falta de formación aos traballadores (que eles mesmos procuran de xeito voluntario e persoal), pasando polas presións aos bombeiros para conseguir os seus fins. 

No Morrazo xa houbera problemas na negociación do convenio colectivo. A presión dos traballadores e a mediación do presidente do Consorcio, daquela o alcalde de Bueu, conseguiron a sinatura do texto. O vindeiro ano negociarase un novo convenio, desta vez común para os tres parques provinciais (O Morrazo, O Salnés e O Porriño). 

Na futura posta en marcha do Consorcio Provincial de Bombeiros, Celta Prix ten todas as “papeletas” para facerse coa xestión do mesmo pois é a concesionaria de todos os parques comarcais da provincia, agás o de Silleda.