CIG-Servizos mobilizarase ante o bloqueo do convenio de Seguridade privada

seguridade_mani.jpg
O bloqueo da negociación do convenio de Seguridade privada, onde a patronal ofrece conxelar os salarios en 2009 e unha suba de 6 euros ao mes para 2010, obriga a CIG-Servizos a se mobilizar para inverter a situación. USO e UGT, culpábeis da quebra da unidade de acción, escenificaron unha pantomima ao dar por rotas as negociacións, cando as súas propostas coinciden ao 95% coas dos empresarios.
28/10/09.

A patronal mantén a mesma posición que ao principio da negociación pois non se moveu nada. Ofrece conxelación salarial para 2009 e incrementos de mínimos vinculados a IPC para o resto dos anos. Pola parte sindical, realizárase no seu momento unha proposta de 12 puntos, reflectida na acta nº 6, de común acordo entre todos que, ao non obter resposta, supuxo o inicio de mobilizacións. Posteriormente, UGT e USO deixan de secundar as protestas, non consultan nada co resto de organizacións e reaparecen nunha xuntanza de negociación convocada no verán cunha nova proposta que nada ten que ver coa da acta nº 6. 

Unha vez emprendido este camiño, UGT e USO non lle poden botar a ninguén a culpa dos seus erros. Desde o verán, o seu discurso é claramente desmobilizador, con mensaxes máis propias de patróns que de sindicatos de clase: “A situación económica é crítica, as empresas están nunha situación de crise, temos que ser responsábeis e tentar manter os postos de traballo, a resposta do sector non axuda, temos que pensar no menos malo”. Renuncian a seguir coas mobilizacións. Ambas centrais aceptan a conxelación salarial para o ano 2009. Ignoran practicamente todo o contemplado nas plataformas. Aceptan o xogo da patronal. E aínda así, non conseguen negociar o convenio. Agora, a única saída que teñen é baixar a cabeza e, de aquí a uns meses, asinar o que a patronal lles poña diante. 

A resposta téñena os traballadores e traballadoras e a CIG-Servizos cre na capacidade de mobilización dos vixilantes. A solución do conflito pasa pola loita sindical, xa que está demostrado que esta é a única vía para a consecución de dereitos laborais. Nos próximos días a CIG-Servizos dará a coñecer no sector as súas propostas de mobilización.

Preme para consultar as actas das xuntanzas celebradas até a data

AdxuntoTamaño
Comunicado_CIG_Seguridade_26-10-09.pdf112.37 KB