Agudízase a represión no Parque Comarcal de Bombeiros do Morrazo

Celta Prix, á parte de faltar ao seu compromiso de se reunir coa CIG-Servizos e a Deputación para buscar unha solución dialogada ao despedimento dun bombeiro, aumentou a represión sobre o persoal do Parque Comarcal do Morrazo. A concesionaria sancionou cunha falta moi grave o delegado de persoal e cunha suspensión de emprego e soldo durante once días o irmán do despedido.
29/10/09.

Logo da mobilización do pasado 22 de outubro diante da Deputación e despois de se comprometer Celta Prix co organismo provincial a manter unha xuntanza o 28 de outubro coa parte social, os bombeiros aínda seguen agardando por dita reunión. O único punto que non quedara definido a semana pasada fora a hora de comezo da reunión entre todas as partes. Porén, a empresa comprometérase a chamar para fixar dita hora.

Ao mediodía do día 28, os traballadores puxéronse en contacto coa secretaria de José Enrique Sotelo, presidente do Consorcio Comarcal e vicepresidente da Deputación, para comunicarlle esta circunstancia. Aos bombeiros cónstalles que esta traballadora fixo esforzos para pórse en contacto con Sotelo ou con alguén que puidera contactar coa empresa para amañar este despropósito. Foi en van.

Esta situación coloca os bombeiros do Morrazo nunha disxuntiva delicada: ou Celta Prix menospreza o presidente do Consorcio Provincial ou, simplemente, “pasa de todo”. En calquera dos dous casos, os traballadores xa saben o que teñen que facer. Por outra banda, tamén lle piden ao presidente do Consorcio que faga valer a súa condición e exerza a responsabilidade que ten na xestión deste servizo fundamental para a cidadanía do Morrazo.