Compostela converteuse nun clamor a prol da xestión pública das emerxencias

Mani bombeiros 03 (20091030)
Máis dun milleiro de bombeiros chegados desde diferentes comarcas do país participaron na manifestación a favor da xestión pública dos servizos de emerxencias que percorreu as rúas compostelás o 30 de outubro. A marcha, que se desenvolveu nun ambiente bulicioso e fortemente reivindicativo, partiu do Parlamento autonómico e concluíu en San Caetano.
31/10/09.

A mobilización, convocada pola CIG, CC.OO e UGT, contou coa presenza de traballadores de todos os parques de bombeiros existentes en Galiza e doutros colectivos relacionados coas emerxencias (forestais, medio ambiente, etc). 

Por un servizo público

O goberno do PP na Xunta de Galiza, en complicidade coas deputacións provinciais, pretende consolidar de xeito definitivo un modelo de xestión de emerxencias total e absolutamente privatizado, no que outorga a empresas de servizos a concesión e xestión de todos os parques de bombeiros de Galiza. O Executivo autonómico racha, deste xeito, os preacordos existentes cos axentes sociais para crear e implantar un sistema de consorcios públicos con xestión directa. A Xunta tamén incumpre o compromiso de dotar os traballadores dunha normativa reguladora da profesión de bombeiro.         

Os tres sindicatos convocantes avogan por un sistema de emerxencias público, profesional e con medios suficientes, que poida dar cobertura con plenas garantías a cantas posíbeis emerxencias se poidan dar dentro do territorio galego, tal e como sucede no resto de Comunidades Autónomas do Estado. 

Por tanto, CIG, CC.OO e UGT rexeitan o modelo privado que quere impor a Xunta, único no conxunto do Estado, no que priman a rendibilidade e o negocio por riba da seguridade e que se fundamenta nunha xestión precaria ao escatimar en medios humanos e técnicos.

Preme para ver a galería fotográfica