Unha marcha polo centro de Vigo visualiza o conflito dos xeriátricos
A patronal pretende aumentar a eventualidade para cubrir as excedencias (en troques de contratos de interinidade), aplicar un incremento salarial exiguo dun 0´5% como máximo, impedir a asistencia do persoal aos exames médicos da sanidade pública, denegar o crédito horario sindical a un membro da mesa negociadora do convenio, cambiar o cobro da antigüidade e, en definitiva, cometer unha morea de abusos.
O sector de servizos privados sanitarios, segundo datos do Instituto Galego de Estatística, é o único que aumenta o seu PIB, ao pasar dun incremento en 2008 do 5,6% ao 5,9% no segundo trimestre de 2009. Do mesmo xeito, incrementase a ocupación (asalariados) nun 0,6%, cando o resto de sectores perde asalariados ocupados. Isto é, o volume de negocio nos servizos privados sanitarios sobe anualmente case un 6%, ao igual que a contratación. Os datos, por conseguinte, desmenten as argumentacións dos empresarios dos xeriátricos, que se escudan nunha crise que non os afecta para conxelar os salarios.
A Xunta debe mediar
A Administración autonómica non é allea a este conflito e non pode seguir a inhibirse pois é corresponsábel das condicións laborais e salariais do persoal destes centros, ao seren concertadas o 80% das prazas ofertadas. A Xunta tamén ten a obriga de controlar o cumprimento estrito da normativa autonómica en materia de ratios e condicións hixiénico-sanitarias dos xeriátricos.




