Bombeiros do Morrazo péchanse na Deputación para reclamar a fin das represalias da concesionaria

Peche na Deputación dos Bombeiros do Morrazo 3
Bombeiros do Parque Comarcal do Morrazo continúan coas protestas para rexeitar a actitude despótica da concesionaria, Celta Prix, que despediu un traballador e sancionou dous máis. Os profesionais de Emerxencias permaneceron durante seis horas pechados na Deputación de Pontevedra o 9 de novembro como medida de presión para que a institución provincial medie no conflito. Os traballadores foron desaloxados pola policía española.
10/11/09.

Celta Prix aínda non se reuniu cos bombeiros logo da mobilización do 22 de outubro diante da Deputación Provincial e despois de comprometerse con esta Institución a manter cos traballadores unha xuntanza na semana posterior.

Mentres os bombeiros piden unha saída negociada a este conflito, a empresa expedientou o delegado de persoal cunha falta moi grave e perda de confianza que ocasiona unha sanción de suspensión de emprego e soldo durante 11 días. Tamén sufriu o mesmo castigo o irmán do traballador despedido.

Os bombeiros concentráronse nas dependencias da Deputación o 9 de novembro reivindicando a readmisión do compañeiro que foi botado e a nulidade das sancións impostas aos outros dous traballadores. O señor Sotelo, presidente do Consorcio Provincial e deputado provincial do PP, non quixo falar cos bombeiros e se limitou a asegurar que o presente é “un problema laboral entre a empresa e os traballadores”. Os bombeiros recórdanlle a Sotelo que lea os estatutos do Consorcio, que exerza de presidente do mesmo e que non omita as responsabilidades do seu cargo.